CULTURA

Catro concertos na primeira fin de semana do Festival de Músicas Contemplativas

27/03/2015 O Festival de Músicas Contemplativas ofrece catro concertos esta fin de semana e un máis na xornada do luns. Será co Meshk Ensemble e Lucentum XVI o sábado; a Banda Municipal de Música e a Capela Antiga do Orfeón Terra a Nosa o domingo e, xa na xornada do luns, estarán Resonet e a Escolanía da Catedral de Santiago. As entradas para todos os concertos son de balde previa retirada no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de 17:00 a 21:00 horas.

O Festival de Músicas Contemplativas chega á súa novena edición, fiel á súa vocación de combinación dos patrimonios musical e artístico. Dezasete concertos encherán de música a Semana Santa compostelá, entre o 27 de marzo e o 5 de abril, en diferentes espazos singulares da cidade: o Auditorio de Galicia, a Cidade da Cultura, a Capela da Orde Terceira, os conventos do Carme de Arriba e de Santa Clara e as igrexas de San Domingos de Bonaval, San Miguel, San Paio de Antealtares, San Fiz de Solovio e da Universidade.

"Camiños…" é o lema condutor dun amplo programa cheo de música espiritual, sacra e de raíz… Música, tradición, arte e cultura únense nunha proposta que aposta pola diversidade cultural, poñendo en valor outras culturas ao lado da nosa. O Festival está organizado polo Concello de Santiago e a Xunta de Galicia co apoio do Consorcio de Santiago. Ademais conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, o Arcebispado de Santiago e Turkish Airlines.

Sábado
O sábado, ás 19:00 horas, estará na Cidade da Cultura o Meshk Ensemble turco, co que poderemos gozar dunha ilustrativa mostra do cerimonial Sema, dos semazen (dervixes) sufís, que inclúe pezas dun singular patrimonio perdidas e recuperadas como froito das investigacións do seu director, Timuçin Çevikoglu.

O significado literal de Sema é escoitar. Para os dervixes Mevlevi, esta palabra leva implícito estar engaiolado mentres se escoita música, en movemento e xirando. O Meshk Ensemble preséntanos distinguidas pezas da música sufí turca que cobren un amplío período dende o século XIII ata a actualidade e unha extensa área territorial arredor de Asia Menor. A segunda parte do seu concerto está dedicada á música composta especificamente para acompañar o Sema, a danza dos semazen (dervixes).

E ás 21:00 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval, poderemos escoitar os menestreis, cornetos, chirimías, sacabuches e serpentóns do conxunto alacantino Lucentum XVI, co que nos adentraremos nas músicas do Renacemento escoitando magníficos exemplos contidos nos manuscritos do século XVI, hoxe coñecidos como cancioneiros.

A incorporación en 1443 dos reinos de Sicilia e Nápoles á Coroa de Aragón incrementou os vínculos entre as penínsulas itálica e ibérica e, sen dúbida, isto contribuíu a situar os músicos españois no centro da moda europea e latinoamericana. Excelentes exemplos das músicas do Renacemento encóntranse en manuscritos do século XVI, hoxe coñecidos como cancioneiros. Como daquela, pezas vocais a 3, 4, 5 ou 6 voces podían ser dobradas por grupos de menestreis.

Domingo
Na xornada do domingo comezamos coa Banda Municipal de Música ás 19:30 horas no convento do Carme de Arriba, que na súa segunda colaboración co festival ofrece un variado programa de composicións orixinais, transcricións e arranxos para orquestras de ventos de himnos, marchas e corais.

Cerimonias, concertos e eventos de toda índole inspiraron composicións orixinais, transcricións e arranxos para orquestras de ventos de himnos, marchas e corais como os interpretados neste programa pola Banda Municipal de Santiago no que encontramos pezas relixiosas, cerimoniais e melodías evocadoras (e por que non... contemplativas), nalgúns casos moi coñecidas como a Serenata de Schubert, o Adagio de Albinoni ou o Panis Angelicus de César Franck.

Ás 21:00 horas, na igrexa de San Miguel, escoitaremos, camiño dos seus cincuenta anos de historia, a unha institución de referencia na vida musical compostelá como o Orfeón Terra a Nosa. Presenta, a través da súa Capela Antiga, un programa de polifonía coral vinculado á catedral de Santiago.

Cantus Firmus... cantorais de polifobía na Catedral de Santiago é o título deste programa. Himnos, matíns, cantos para procesións (incluída a procesión de Ramos no seu día), misas e vésperas conservadas nos arquivos do templo compostelán altérnanse con composicións de afamados mestres, transcendentais figuras na historia da música, como Palestrina, Morales, Guerrero, Victoria ou Desprez.

Luns
Magna obra, probablemente a máis importante da Idade Media occidental, estudada a nivel teórico e interpretada por todo o mundo son as Cantigas de Santa María de Afonso X, que serán presentadas por dúas iniciativas musicais composteláns da relevancia de Resonet e a Escolanía da Catedral. Será na xornada do luns, ás 21:00 horas, na igrexa de San Paio de Antealtares.

Alfonso X, O Sabio, reuniu en Toledo os mellores músicos de Occidente e de Oriente Próximo para elaborar as máis de 400 cantigas en lingua galega dedicadas á Nai de Deus. Resonet e a Escolanía da Catedral brindan a oportunidade de escoitar este fermoso e transcendental repertorio musical da historia de Galicia, un patrimonio estudado a nivel teórico e interpretado en todo o mundo.

Información de entradas
As entradas serán gratuítas para todos os concertos (excepto os celebrados no Auditorio de Galicia), previa recollida de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal. O horario do despacho de billetes será o habitual (de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado) e os días do festival abrirá unha hora antes, ás 17:00 horas. Ademais, os convites tamén se poderán recoller unha hora antes do inicio de cada concerto no lugar de celebración do mesmo. Esta invitación será válida ata 10 minutos antes do inicio do concerto (a organización resérvase o dereito de utilizar as localidades non ocupadas polo público 10 minutos antes da hora de inicio do concerto).

Compartir: