XUNTA DE GOBERNO

O Concello porá en marcha un plan piloto para mellorar a xestión de residuos

27/03/2015 A Xunta de Goberno aprobou o texto dun convenio a subscribir coa empresa Vodafone España para a realización dunha proba piloto no ámbito da xestión dos residuos municipais. Este acordo, que non supón carga económica para o Concello, ten por obxecto a posta en marcha dunha acción no ámbito da xestión dos residuos, enmarcada no desenvolvemento de servizos intelixentes na cidade para incrementar a eficiencia, a xestión e a habitabilidade no espazo urbano.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, para realizar esta acción, "instalaranse aparatos de medida a determinados colectores de residuos da cidade e conectaranse vía radio cunha plataforma tecnolóxica intelixente". Neste Centro Intelixente de Operacións monitorizaranse e xestionaranse os servizos e sistemas da cidade dunha forma "máis precisa, grazas a unha visión única e centralizada das operacións e a unha gran capacidade analítica", indicou.

"O fin último é mellorar no coñecemento da xestión de residuos na cidade, para posibilitar a execución de medidas destinadas a facela máis eficiente, de maneira que poida redundar nunha mellora da calidade de vida da cidadanía e nun incremento da sustentabilidade do sistema", apuntou o alcalde.

O convenio ten unha duración estimada de 10 meses, que poderá ser prorrogada se así se considera de común acordo.

Esta experiencia sitúase na dirección da estratexia que está a desenvolver o Concello para o impulso dunha cidade intelixente. Así, entre outros aspectos, estanse a desenvolver medidas para a mellora da iluminación pública e diversas aplicacións gratuítas en fase experimental para facilitar o aparcamento, a información sobre o transporte colectivo ou para comunicar incidencias relacionadas co estado das vías pública e servizos esenciais. Esta última estase preparando para a súa posta en servizo este mesmo ano.

Documentos relacionados



Compartir: