ALCALDÍA

Recuperado o ritmo das obras de reurbanización no barrio de Vista Alegre

26/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou as obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade que se están realizando no barrio de Vista Alegre. Previamente, reuniuse coa Asociación de Veciños para darlle conta da situación actual das obras, logo do retraso que implicou a cesión dos traballos por parte da anterior adxudicataria á actual construtora.

Malia a demora, explicou o alcalde, "o cambio de empresa foi a solución administrativa mais rápida no marco que permite a Lei, posto que a outra opción, a de volver a licitar a obra, suporía un retraso aínda maior". En calquera caso, indicou que, nestes momentos, "xa se recuperou o ritmo dos traballos, que se están executando con total normalidade".

Nestes intres está en marcha a Fase I destas obras, cuxa finalización está prevista para os meses de maio ou xuño, dependendo das condicións climatolóxicas. O orzamento de adxudicación destes traballos fora de 1.240.384,58 €.

Dúas fases máis por diante
O alcalde lembrou que, ademais, quedan por diante outras dúas fases. Así, a segunda xa está adxudicada, por importe de 832.706,52 euros. Na actualidade estanse realizando os traballos do protocolo de fendas, consistentes en expedir unha documentación gráfica e escrita descritiva do estado dos edificios e elevada ante notario, co obxecto de asegurar aos veciños fronte a calquera tipo de dano derivado da execución das obras. O inicio material da obra está previsto para mediados de abril.

En canto á fase III, indicou que se está redactando o proxecto, co obxectivo de telo aprobado en maio ou xuño. O orzamento estimado é de 720.000 euros.

Renovación integral do barrio
Estas tres fases de intervención suporán un investimento aproximado de 2.793.090 euros nesta Área de Rehabilitación Integral de Vista Alegre e son un complemento ás do propio programa ARI desta zona.

Trátase dunha reurbanización da totalidade do barrio de Vista Alegre, con obras centradas, por un lado, na mellora da mobilidade e da accesibilidade ás vivendas, determinada pola demolición das terrazas existentes para facilitar a instalación de ascensores. Isto obriga a un novo deseño dos percorridos peonís.

Tamén se está acometendo a reordenación do sistema viario, modificando seccións de rúa, convertendo en residenciais as máis reducidas e eliminando destas as prazas de aparcamento en superficie coa situación das mesmas nas rúas máis amplas.

Dentro desta reordenación destaca a conexión do extremo norte da rúa Santa Comba coa rúa Bispo Diego Peláez mediante unha vía dun único sentido, de saída do barrio, alixeirando o tráfico cara a rúa Noia no seu tramo norte. Tamén se mellorará a seguridade no paso entre as rúas Santa Comba, Santa Uxía e Rianxo.

Outra actuación salientable é a supresión do paso subterráneo existente que dá acceso as rúas Rianxo e Santa Uxía de Ribeira, substituíndoo por unha nova rúa localizada no espazo contiguo ao túnel, ocupado actualmente polos locais sociais.

A intervención aproveitarase tamén para o soterrar os colectores de lixo, para mellorar o espazo nas rúas residenciais, para cambiar os pavimentos en diversas rúas e para introducir novos elementos vexetais. Ademais, haberá cambios notables no alumeado, que irá suspendido cunha maia de tensores de aceiro suxeita ás fachadas.

As obras complétanse coa mellora integral da praza Álvaro Cunqueiro, coa renovación de servizos básicos e coa mellora das instalacións urbanas.

Compartir: