ALCALDÍA

Hernández expresa a honra que supón ligar o nome de Santiago a un acordo histórico para a loita contra o tráfico de órganos humanos

25/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu a benvida aos participantes na Conferencia Internacional de Alto Nivel sobre a Loita contra o Tráfico de Órganos Humanos, organizada polo Consello de Europa este mércores e xoves. O acto inaugural do evento, celebrado no Palacio de Congresos, contou tamén coa asistencia, entre outras autoridades, dos ministros de Xustiza, Rafael Catalá, e de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Alfonso Alonso; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjørn Jagland.

Agustín Hernández expresou a "honra" que para Santiago supón contar con esta Conferencia Internacional de Alto Nivel sobre a Loita contra o Tráfico de Órganos Humanos, na que "España e Europa dan mostras desa comunión de ideais e de esforzos que está no espírito da Unión Europea". E fano, dixo, "abordando un tema que afecta ao conxunto do Planeta, para selar un acordo histórico para loitar contra un delito de lesa humanidade coma o tráfico de órganos humanos".

"Santiago de Compostela, que é capital e sede das institucións autonómicas de Galicia, séntese agradecida de poder albergar un acordo desta magnitude e de que o seu nome figure ligado a este convenio internacional", indicou, valorando o "privilexio" e a "oportunidade" que supón para a cidade este evento. Segundo indicou o alcalde, este acordo "será un punto de referencia na plena erradicación desta práctica que atenta contra a dignidade humana e que dana o inmenso e positivo labor de tantos profesionais da saúde que traballan neste terreo, no que a sanidade española ocupa un lugar destacado".

Direcciones relacionadas



Compartir: