ALCALDÍA

Máis de 5.000 escolares de Santiago e comarca participarán na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura

24/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou na Galería Sargadelos a XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora, que este ano leva por título "Ler é voar". A día de hoxe, xa están inscritos para participar nas actividades 3.200 escolares de escolas infantís e centros e infantil e primaria de Santiago e comarca. A previsión é superar os 5.000 participantes.

"Sentímonos moi satisfeitos da importante acollida e da repercusión desta iniciativa municipal", indicou o alcalde a propósito dunha Campaña coa que se "dá continuidade a novas propostas educativas que tanta aceptación teñen nas bibliotecas, nas librarías, entre as nenas e nenos, nas familias e entre a cidadanía de Compostela". En especial, destacou a súa repercusión na comunicade educativa, coa participación activa cada dos profesores (320 na última edición) para "achegar a lectura aos nenos e nenas".

Consciente da "importancia de animar a ler dende as idades máis temperás para a creación dun hábito lector", lembrou Hernández que, ata o momento, máis de 50.000 escolares participaron nesta iniciativa municipal. O alcalde estivo acompañado neste acto inaugural pola concelleira de Educación, Maite Cancelo.

Diversas actividades ata o 9 de maio
A Campaña de Animación á Lectura 2015 leva por título "Ler é voar" e está baseada no traballo de Federico Delicado, cuxa obra Ícaro resultou gañadora do último Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados.

Esta iniciativa desenvolverase ata o 9 de maio e comprende un conxunto de actividades en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago e comarca. Están previstas visitas guiadas a exposicións, sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de escritura creativa e sesións abertas de contos e música para as familias.

Participarán máis de 30 colexios: C.R.A de Oroso, E.I.M. A Ulloa, E.E.I A Igrexa, E.E.I Sabaxans, C.E.I.P Sigüeiro, A inmaculada, E.S.I Paparolo, Peleteiro, La Salle, Santa Apolonia, San Xosé de Cluny, Divino Maestro, C.E.I.P Pio XII, Compañía de María, C.E.I.P Raiña Fabiola, C.E.I.P López Ferreiro, Nosa Sra. dos Remedios, San Pelayo, C.P.R Juventud, E.I. Agasalle, E.I Snoopy, Kid´s Garden, E.E.I Cativos, E.I San Roque, E.I Fontiñas, C.E.I.P Ramón Cabanillas, San Francisco Javier e C.E.I.P As Fontiñas.

Documentos relacionados



Compartir: