EDUCACIÓN

Unha alumna do CEIP Antonio Fraguas recibe o segundo premio do certame literario "Relatos de Auga Intelixente"

23/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Educación, Maite Cancelo, acompañados por representantes da empresa Viaqua e do Instituto Antonio Fraguas, entregaron o segundo premio do certame Relatos de Auga Intelixente á alumna de 2º da ESO María Carballido Cerqueiro, que estuda no devandito centro.

Este certame, promovido por Viaqua coa colaboración dos concellos, ten como obxectivo comprometer os máis pequenos co uso sostible da auga e co coidado do medio ambiente a través da literatura. Nesta primeira edición presentáronse un total de 170 traballos de alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato de diferentes centros de toda Galicia.

María Carballido, alumna do CEIP Antonio Fraguas, fíxose co segundo premio co seu relato A filla do carballo, polo que recibiu un diploma de recoñecemento e un e-book. O primeiro premio recaeu en Roi Fernández, do Colexio Padre Feijóo de Ourense, con As bágoas do ceo.

Outras actividades
A Concellería de Educación e Viaqua están a colaborar noutra serie de iniciativas coa finalidade de lograr unha maior concienciación e participación das comunidades educativas dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais. Concretamente, están traballando en dúas propostas que xiran en torno ao ciclo urbano da auga e ao coidado do medio ambiente.

Nos próximos días, alumnos e alumnas de dos centros Compañía de María, La Milagrosa, Peleteiro, Juniors, CEIP Monte dos Postes, Roxos-Villestro, IES Politécnico de Santiago, Lamas de Abade, Pontepedriña e o Departamento de Enxeñería Química da USC participarán en visitas comentadas á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

Outro dos programas é Aqualoxía, que permite realizar talleres para concienciar a nenos e nenas sobre o uso axeitado e racional da auga. Nesta iniciativa participarán os colexios CEIP Rodríguez Xixirei, Pío XII, Raíña Fabiola, Roxos- Villestro, Compañía de María, La Milagrosa, Nosa Sra. Dos Remedios e Vilas Alborada.

Compartir: