TURISMO E DEPORTES

SantYaGo10K xa se achega aos 200 inscritos a 50 días desta carreira nocturna homologada polo Casco Histórico de Compostela

22/03/2015 O sábado 9 de maio celebrarase SantYaGo10K, a primeira carreira nocturna homologada de 10 quilómetros que ten lugar e Santiago. O número de inscritos xa se achega ás 200 persoas, procedentes de Santiago, Galicia e doutros puntos de España.

SantYaGo10K é unha nova carreira que busca converterse a medio prazo nunha referencia para todos os afeccionados ao running de Galicia e incluso de España. A carreira nace da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo. SantYaGo10K conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Malia o gran número de carreiras que existen actualmente, SantYaGo10K ten unha característica única que fará dela unha experiencia distinta para os participantes: é unha carreira nocturna cun circuíto que percorre o Casco Histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e que remata na praza do Obradoiro, no punto final do Camiño de Santiago.

A liña de saída situarase na avenida de Xoán XXIII, a apenas 200 metros da praza do Obradoiro. O circuíto de 10 quilómetros pasará por varias das rúas principais do Casco Histórico e do centro da cidade. Tamén pasará pola Alameda, onde se poderán contemplar unha das mellores panorámicas do Casco Histórico e da Catedral.

A saída será o sábado 9 de maio ás 22:00 horas e estímase o peche da carreira ás 23:30 horas. O circuíto, validado pola Real Federación Española de Atletismo, ten unha distancia homologada de 10 quilómetros. A data e a hora da carreira están pensadas para incentivar tamén que participantes e os seus amigos e familiares procedentes doutros lugares de Galicia e España poidan pasar unha fin de semana na cidade, unindo deporte e turismo.

As inscricións para SantYago10K poden realizarse a través de dúas canles: a través da páxina oficial do evento, www.santyago10k.es; ou presencialmente, nas recepcións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel.

Direcciones relacionadas



Compartir: