XUNTA DE GOBERNO

A praza do Matadoiro será obxecto dun proxecto pioneiro en Galicia para o soterramento de instalacións de servizos

06/03/2015 A praza do Matadoiro, que será sometida a un proceso de reurbanización unha vez sexa derrubada a Casa da Xuventude, será tamén o lugar onde se acometa un proxecto piloto de soterramento integral de instalacións de servizos. A Xunta de Goberno encomendou ao Consorcio de Santiago a elaboración e posta en marcha deste proxecto.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, trátqase dunha "experiencia piloto pioneira no ámbito de Galicia, que pretende actuar no interior dos edificios de vivendas desta praza, para dotar de acometidas soterradas individuais os seus portais". Con ese fin, incorporaranse as últimas tecnoloxías dispoñibles polas compañías distribuidoras de cada servizo, con armarios de contadores nos portais, conexión de novas acometidas e tipificación de solucións extrapolables ao resto da cidade histórica.

No exterior dos edificios formularanse as medidas necesarias para a eliminación dos cables aéreos existentes, grapas e fixacións diversas; a mellor localización dun depósito de pluviais; e a condución e filtrado de augas pluviais de cubertas a depósito para reutilización en rego de xardíns, para achega ao regato do Cancelón e tamén para limpeza de praza.

Tamén se prevé un proxecto específico de iluminación pública con estudio do espazo público nocturno, luces led de control individualizado e o posible cambio de modelo das luminarias, para a súa extensión ao todo o ámbito de intramuros.

O proxecto poderá prever a reformulación e modificación no proxecto municipal existente para a reurbanización da praza do Matadoiro, a substitución do cables aéreos polos soterrados, a eliminación de cables non operativos, o deseño de solucións para integrar as conducións eléctricas nas fachadas e para os servizos de gas e telecomunicacións.

O orzamento total para este proxecto é de 52.000 euros e a súa redacción vai en paralelo á tramitación do derrubo da Casa da Xuventude e da posterior reurbanización da praza do Matadoiro.

Tendo en conta que o proxecto de reurbanización desta praza e a súa dirección facultativa xa está contratado, formúlase a contratación do mesmo equipo para unha mellor coordinación dos dous proxectos.

Cambio da rede de abastecemento de Bornais (O Eixo)
Tamén en relación ás redes de servizos, a Xunta de Goberno acordou a apertura do procedemento de contratación da obra de substitución da rede de abastecemento no lugar de Bornais, na parroquia do Eixo, cun tipo de licitación de 148.777 euros e un prazo de execución de catro meses.

A obra realizarase con cargo ao programa complementario do Plan de Obras e Servizos 2014 da Deputación da Coruña e ten como obxectivo remediar o aumento de caudal na rede de abastecemento actual, provocado polo incremento da poboación dos últimos anos, que levou á insuficiencia das instalacións existentes.

A solución proposta consiste na substitución da canalización existente nesa zona por outra de maior diámetro, o que aseguraría unha diminución da velocidade de circulación do fluído. Todas as canalizacións irán enterradas en gabia, recheas con material procedente da escavación o con solo seleccionado e compactado.

Documentos relacionados



Compartir: