CONSORCIO

José María Montes Navío, novo director técnico da Real Filharmonía de Galicia

05/03/2015 José María Montes Navío acaba de ser nomeado novo director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG). A finais de agosto de 2014 Oriol Roch, que levaba dez anos ao fronte da formación, solicitou un ano de excedencia no cargo para ocupar o de director xeral da Orquestra Sinfónica de Euskadi, polo que a praza quedou vacante. O Consorcio de Santiago, organismo encargado da xestión da Real Filharmonía, convocou a praza de director técnico con carácter de interinidade, posto para o que se valoraba a experiencia profesional en tarefas de máxima responsabilidade técnica nunha orquestra pública e/ou nunha institución ou organismo público ou privado de índole cultural.

"Cando me enterei de que saía a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia por un tempo limitado, non o dubidei nin un momento. A experiencia de traballar noutra orquestra, e en especial nunha de gran reputación pola súa calidade artística como é a RFG, é un reto que afronto con moita ilusión e con moitas ganas. Para min, que traballei sempre na Orquesta Sinfónica de Navarra, representa unha oportunidade única na xestión dunha grande orquestra. Ademais, para a propia Orquesta Sinfónica de Navarra é tamén moi importante esta relación. E unha vez en Santiago atopeime cunha moi boa disposición por parte dos músicos e de todos os membros do equipo técnico", sinala o novo director.

José María Montes Navío naceu en Granada en 1961. En 1989 empeza a prestar os seus servizos como administrador na entón denominada Sociedade de Concertos Santa Cecilia de Pamplona, na actualidade Fundación Pablo Sarasate / Orquesta Sinfónica de Navarra. Montes Navío viviu a nova andaina na creación da actual Orquesta Sinfónica de Navarra, encargándose, entre outros aspectos, do control financeiro, xestión administrativa e xestión de persoal da agrupación.

Entre 1997 e febreiro de 2015 foi responsable da produción artística da Orquesta Sinfónica de Navarra. Entre as tarefas que desempeñou neste posto destaca a colaboración coa dirección artística e a xerencia na programación musical da temporada, o mantemento de relacións con axencias artísticas no ámbito internacional de cara á contratación de directores e músicos solistas, así como a coordinación das actuacións e do programa da temporada. Ademais, Montes Navío asistiu con regularidade ás reunións da Asociación de Orquestras Sinfónicas de España.

Está graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade Pública de Navarra, Graduado Social pola mesma universidade, especializado en Dereito Laboral e Seguridade Social dos Artistas. Ten ademais estudos en Comercio Exterior, formación de axentes culturais, xestión de actividades musicais, administración e xestión de recursos humanos, xestión do mercado cultural e do lecer... Na actualidade está a cursar un Máster en Psicoloxía do Coaching.

Montes Navío foi cofundador, secretario técnico e membro do coro da Asociación Gospel de Pamplona; cofundador da Orquestra de Cámara Concerto; dedicouse á organización e xestión de diversos congresos, concertos, festivais e seminarios; e tense iniciado en varios instrumentos, entre eles a trompeta, o clarinete e a percusión.

Compartir: