XUVENTUDE

Os tres gañadores da segunda edición do Certame SantiAutor terán a oportunidade de telonear a Fredi Leis, Rozalén ou Marwan

05/03/2015 As concellerías de Xuventude e de Cultura colaboran no II Certame SantiAutor para artistas noveis, organizado en colaboración coa Sala Sónar. O certame terá as súas finais os días 11 e 12 de mes de marzo, a partir das 21:30 horas, na Sala Sónar.

A edil de Xuventude, Maite Cancelo, deu detalles destas dúas finais, en cada unha das cales actuarán cinco do seleccionados. Os finalistas desta edición 2015 do Certame SantiAutor son: Sandra Piñeiro, Cris Román, Rubén Artabe, Prextón, Angel Kalvi, Friends and Foes, Loren Playin Alone, Miguel Alonso, Rocio Iglesias e Carlos Valiño.

O día 20 de marzo, no transcurso do concerto inaugural do Festival SantiAutor, que correrá a cargo de Fran Fernández, daranse a coñecer os tres premiados e os concertos que telonearán. Os gañadores terán así a oportunidade de preceder no escenario a nomes xa consagrados como cantautores.

Haberá tres concertos, dous no Teatro Principal e un no Auditorio Abanca. No primeiro recinto, o 10 de abril, actuará o cantautor compostelán Fredi Leis, mentres que o 2 de maio tocará Rozalén.

O concerto no Auditorio Abanca será o venres 22 de maio e nel poderemos escoitar a Marwan, unha voz xa habitual neste Festival, ao que acode xa dende a primeira edición.

Estes tres concertos enmárcanse na sexta edición do Festival SantiAutor, que entre o 20 de marzo e o 22 de maio traerá a Santiago a cantautores consagrados como Pedro Guerra, Funambulista, Adriana Moragues, Elvira Sastre, Luis Ramiro, Marino Saiz, Rebeca Jiménez, Vicky Castelo, Rafa Pons, Paco Cifuentes, Carmela, Fran Fernández ou Isma Romero, ademais dos xa mencionados Marwan, Fredi Leis e Rozalén.

Compartir: