PLENO

Aprobado inicialmente o Regulamento da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico

04/03/2015 No Pleno ordinario aprobouse inicialmente o Regulamento da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello de Santiago, que permitirá regular o funcionamento, composición, funcións e actividade ordinaria deste órgano.

Se ben esta comisión foi creada no ano 1997, conforme ao Plan Especial vixente, malia o tempo transcorrido e a intensa actividade de asesoramento que ten desenvolvido, carecía dun marco específico para rexer o seu funcionamento.

Este regulamento terá por obxecto establecer as normas do réxime xurídico e de funcionamento da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello de Santiago de Compostela consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases do réxime local, case 20 anos despois da aprobación do Plan Especial.

Funcións
Ademais das que ten recoñecidas polo Plan Especial, o regulamento contempla as conferidas polas delegacións da Consellería de Educación e Cultura posteriores ao Plan Especial (ex. obras e licenzas en perímetro azul) ou por outras normas municipais (ex. terrazas ou carteis publicitarios en casco histórico).

Recóllese tamén a posibilidade de que o Pleno do Concello ou o alcalde sometan á consideración da Comisión calquera asunto fóra das competencias legais, pero relacionado coas súas atribucións. Tamén se prevé a posibilidade de que se materialicen novas delegacións.

Composición e designación
Como novidades mais destacables establécese, ademais dos representantes políticos e técnicos municipais, que o Consorcio de Santiago de Compostela propoña un dos asesores membros da Comisión. Tamén proporán os seus representantes a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Compartir: