PLENO

Entra en vigor o Plan especial de protección do parque arqueolóxico da Rocha

04/03/2015 O Pleno municipal abordou coma un dos puntos da orde do día o Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R). Coa toma de coñecemento do texto refundido do documento queda feito o derradeiro trámite para o seu desenvolvemento, previa a publicación, e polo tanto entra en vigor para permitir a posta en valor dos restos do castelo.

Este documento, formulado polo Consorcio de Santiago, ten como obxectivo a recuperación e posta en valor dos restos do castelo e dos elementos asociados, coa creación dun parque arqueolóxico no que se permita a observación, análise e estudo dos devanditos bens culturais.

Contémplase un programa a seguir que inclúe a organización de accesos, as áreas de recepción e a organización e integración de áreas estanciais. Así, na área cualificada como dotacional permitirase a edificación nunha ocupación igual ao 10% da superficie e unha altura máxima de baixo e unha planta, respectando o sistema de muros perimetrais existente.

Este plan especial propón a ampliación do ámbito delimitado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), incorporando os terreos situados na marxe norte do regato do Vilar, no tramo comprendido entre a vía férrea e a desembocadura do río Sar, co obxectivo de salvar o noiro existente e crear unha senda paralela ao regato, sen afectar aos restos da canle do muíño, ás terrazas e ao arborado existente.

Tamén se incorporan os terreos situados na marxe leste do río Sar, co fin de recuperar o trazado do antigo camiño de Escorredía, que se estima máis idóneo que o fixado polo PXOM para garantir a accesibilidade peonil ao parque e a súa conexión co Camiño Portugués e co castriño de Conxo.

Áreas de ordenación
O documento detalla varias áreas de ordenación, como a área de protección arqueolóxica do Castelo, que comprende as ruínas do mesmo e a o seu entorno inmediato. Aquí só se autorizarán actuacións de recuperación, restauración, consolidación e mantemento do xacemento arqueolóxico, así como, de ser o caso, traballos de musealización dos restos e de mellora da accesibilidade e seguridade dos visitantes.

Outra área será a de posta en valor do contorno da zona arqueolóxica, na que só se permitirán intervencións tendentes á posta en valor, protección e adecuación para a visita pública do xacemento, incluíndo as construcións necesarias para o peche do ámbito e a creación dun punto de observación elevado.

Na zona de agras e cultivos do contorno quedará prohibida calquera alteración das condicións naturais do terreo e da topografía, mentres que na zona de equipamentos, situada na esquina suroeste do ámbito, fronte á rúa do Churruchao, e destinada a estacionamento e edificacións dotacionais vinculadas ao parque, as edificacións non poderán ocupar máis do 10% da superficie, nin superar a altura máxima de baixo e unha planta.

Tamén se acoutan os terreos da ribeira do Sar e do regato do Vilar, nos que só se autorizarán actuacións de recuperación da calidade das augas e da vexetación do contorno. Finalmente, márcase unha área de rexeneración do antigo camiño de acceso ás parcelas de Escorredía e do contorno do regato do Vilar, que constitúe o itinerario peonil de acceso dende o norte. Nesta zona proponse a recuperación do trazado dos antigos camiños existentes.

O documento foi aprobado de xeito definitivo coas modificacións incorporadas a raíz dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O texto será publicado no Boletín Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia.

Modificación do PXOM na Rocha Vella
Seguindo con temas urbanísticos, no Pleno tamén se aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM no ámbito do polígono 40, na Rocha Vella-rúa do Churruchao.

Concretamente, deslígase deste ámbito o Centro Sociocultural da Rocha, por estar xa desenvolvido e redefínese esta parcela que na proposta inicial incluía un edificio fronte do equipamento sociocultural para trasladalo a zona sur da parcela co fin de que quede espazo libre.

Compartir: