CULTURA

Andrea Lucchesini coa Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por Jakub Hirusa

04/03/2015 O pianista italiano Andrea Lucchesini regresa ao Auditorio de Galicia para interpretar o máis coñecido dos concertos para piano de Saint-Saëns, o segundo, que ben pode servir de mostra da enerxía e personalidade do autor parisiense e cuxa variedade estilística foi interpretada por algúns como caprichosa: "comeza con Bach e acaba con Offenbach", dixo o pianista polaco Zygmunt Stojowski.

Será este xoves 5 de marzo, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, cando poderemos escoitalo nun concerto xunto á Orquestra Sinfónica cun programa integramente francés con dúas obras de Albert Roussel e a poética e coreográfica La valse, de Maurice Ravel. Estarán dirixidos por Jakub Hirusa.

O prezo para este concerto, que está dentro do programa de Abono do Auditorio de Galicia, é de 12 euros (6 € para estudantes e xubilados). As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no teléfono 902 434 443, na web entradas.abanca.com ou no propio Auditorio de Galicia, no despacho de billetes que estará aberto dende as 18:00 horas.

Programa

- Albert Roussel, Bacchus et Ariane, suite núm. 2, op. 43.

- Camile Saint-Saëns, Concerto para piano e orquestra núm. 2 en sol menor, op. 22.

- Albert Roussel, Sinfonía núm. 3 en sol menor, op. 42.

- Maurice Ravel, La Valse.

Compartir: