ALCALDÍA

O alcalde recibiu 49 escolares salmantinos e composteláns participantes no programa pedagóxico "Aula de Patrimonio"

03/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu 49 alumnos e alumnas do Colexio Misioneras de la Providencia (Salamanca) e do CEIP Raíña Fabiola (Santiago), que participan no programa pedagóxico Aula de Patrimonio, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Agustín Hernández deulle a benvida a Santiago aos escolares salmantinos e aos seus profesores, que estarán na cidade ata o este mércores gozando dun completo programa de actividades culturais, educativas e lúdicas. Tamén saudou os estudantes do compostelán CEIP Raíña Fabiola, que viaxarán a Salamanca do 23 ao 25 deste mesmo mes de marzo. A delegación de Salamanca entregou ao alcalde un recordo da súa cidade, ao que correspondeu este correspondeu con outro presente.

O alcalde lembrou os vínculos entre Santiago e Compostela, cidades nomeadas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985 e 1988, respectivamente. A cidade castelá, ao igual que Santiago (2000), foi tamén declarada Cidade Europea da Cultura (2002).

Entre os puntos en común, Agustín Hernández destacou o de posuír un centro histórico, a vida universitaria ou a importancia do turismo na economía, "que convirte a ambas cidades en punto principal de atracción de visitantes das súas respectivas comunidades".

"Ambas cidades –lembrou tamén- comparten un fillo adoptivo: o escritor Gonzalo Torrente Ballester, que viviu os seus 25 últimos anos en Salamanca e que en Santiago ten unha Fundación para a difusión da súa obra e o seu legado".

Aula de Patrimonio
Aula de Patrimonio é un programa pedagóxico de ámbito nacional que, na súa segunda edición, iniciou a súa andaina en paralelo ao comezo do curso académico 2014-2015. O obxectivo da actividade é que o alumnado que vive e estuda nas Cidades Patrimonio aprenda a coñecer e valorar non só a súa propia cidade senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO, todo iso a través da realización de actividades didácticas en torno á súa cidade, dirixidas polo seu profesorado, e a organización de viaxes culturais de grupos de escolares a outras Cidades Patrimonio.

As cidades membros do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España a través do seu Concello, compren unha función promotora deste programa ofrecendo actividades educativas baseadas nos seus propios recursos que permitan fomentar entre os escolares unha actitude de cidadanía activa, promovendo o coñecemento e desfrute do patrimonio urbano da cidade na que viven.

Os grupos seleccionados para participar neste son ao mesmo tempo grupo anfitrión, encargado de acoller e ensinar a súa cidade a outro grupo de escolares procedente doutra Cidade Patrimonio distinta da súa, e grupo visitante que viaxa á cidade elixida de entre as 15 que forman o Grupo. Preténdese que a clase elixida como anfitrioa realice un labor de guía turístico cultural do alumnado visitante, logo de traballo de recompilación de documentación e investigación, relacionando este labor divulgativo de mostrar a súa Cidade Patrimonio con outros temas transversais educativos cono poden ser: a convivencia, a erradicación da violencia, o perigo do consumo de drogas e alcohol, o fomento da lectura, a creatividade, etc.

Os participantes do programa son grupos de escolares de centros de 6º curso de Educación Primaria públicos, privados e concertados das cidades que forman o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A participación dos 15 centros seleccionados é gratuíta, de maneira que os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) corren por conta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de xeito conxunto na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Eivissa,Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: