CULTURA

Marta Mathéu e Lluís Sintes, protagonistas da Gala Lírica da Banda Municipal de Música

27/02/2015 A Banda Municipal de Música ofrece este domingo 1 de marzo, ás 12:00 horas, no Teatro principal unha Gala Lírica que leva por título Voces de Zarzuela. A Banda réndelle así unha homenaxe ao xénero chico cun concerto no que contarán coa soprano Marta Mathéu e co barítono Lluís Sintes, ambos profesionais de traxectoria brillante e recoñecida internacionalmente. O concerto estará dirixido polo director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis.

Marta Mathéu é catalá e obtivo o Grado Superior de Canto no Conservatorio Superior de Música de Valencia con Matrícula de Honra. Premiada en numerosos certames nacionais e internacionais de canto obtivo, por exemplo, o Premio do Público no VII Concurso Internacional Montserrat Caballé ou o premio ao mellor cantante español, segundo premio xeral e Premio Mozart no corenta e cinco Concurso Internacional Francesc Viñas.

Lluís Sintes, mallorquino, debutou no Gran Teatre do Liceu no 1992 e dende aquela participa regularmente na programación do Auditorio de Barcelona e o Palau de la Música Catalana. Protagonizou concertos en Amsterdam Francia, Alemaña, Perú, Xapón, China ou Estados Unidos, entre outros, ademais de nos teatros de toda a xeografía española, e agora poderemos escoitalo na nosa cidade.

O concerto será este domingo ás 12:00 horas no Teatro Principal, no habitual concerto dos domingos da Banda, e o programa que interpretarán será de zarzuelas. Na primeira parte poderánse escoitar obras de Moreno Torroba, Barbieri, Serrano, Luna, e Sorozábal e xa na segunda parte de Giménez, Martínez Valls, Guerrero, Chapí, Soutullo y Wert e Bretón. Zarzuelas tan recoñecidas como La del manojo de rosas ou La Verbena de la Paloma estarán no repertorio.

A entrada será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual (de 18:00 a 21:00 horas). As entradas están xa esgotadas, pero só son válidas ata 10 minutos antes de que comece o concerto. Por iso, cinco minutos antes do inicio do mesmo, permitirase entrar a todos os presentes aínda sen convite, ata completar o a capacidade da sala.

Compartir: