TURISMO

Turismo promociona a cidade como destino de congresos en Alemaña e Suíza

24/02/2015 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), promocionará esta semana a cidade como destino de congresos en Alemaña e Suíza. A mellora substancial da conectividade aérea con ambos mercados neste 2015, no que por primeira vez haberá catro conexións directas con Alemaña e catro con Suíza, pode ser unha oportunidade para captar congresos, eventos e incentivos organizadas por entidades destes países.

O SCCB fará tres xornadas directas dirixidas a organizadores profesionais de congresos, eventos e incentivos que terán lugar en Zurich, Stuttgart e Frankfurt. En cada unha destas xornadas participarán 20 axencias especializadas no sector. Estas xornadas están organizadas pola Spain Convention Bureau en colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo de Suíza e Alemaña. Así se garante que as sesenta axencias convidadas ás presentacións xa teñen un interese previo no mercado español.

Alemaña é, xunto con Italia, o principal mercado turístico de Santiago. Os turistas alemáns en Santiago xeran cada ano máis de 50.000 pernoctacións nos hoteis da cidade, algo máis do 10% do total das pernoctacións internacionais. Cómpre lembrar, por exemplo, que un dos principais eventos que se celebrou na cidade no 2014, o Womex, é de orixe alemán.

Neste 2015, Turismo de Santiago fará múltiples accións de promoción no mercado alemán co obxectivo de consolidar as novas conexións aéreas con este mercados: Düsseldorf, Munich e Berlín, que comezarán a operar nesta temporada de verán con Vueling. O obxectivo tamén é poder mellorar os resultados da conexión con Frankfurt de Ryanair, superando os 40.000 pasaxeiros anuais.

O mercado suízo é un oportunidade para a cidade pola fortaleza da súa economía, que facilita que os turistas suízos podan ter uns niveis de gasto superiores á media dos turistas internacionais. No 2015 mellorarase aínda máis a conectividade con este mercado, grazas á incorporación dunha nova compañía no aeroporto de Santiago, Swiss, que unirá a cidade con Zurich. Deste xeito, Santiago terá catro conexións directas con Suíza: Zurich con Swiss e Vueling, e Xenebra e Basilea con Easyjet.

Compartir: