RELACIÓNS VECIÑAIS

Aberto o prazo de solicitude da colaboración municipal para as festas patronais e populares de barrios e parroquias

23/02/2015 O Concello de Santiago retoma a colaboración coas festas populares e patronais de barrios e parroquias, cumprindo así cun compromiso coas asociacións de veciños que se ven levando plasmando dende o ano 2004 e que se reforzou nos últimos exercicio. En 2014, gozaron destas axudas 46 asociacións de veciños e comisións de festas, das que 32 elixiron o parque de xogos, cinco os grupos de música tradicional, cinco as charangas e corais e catro a festas da escuma. Todas as solicitudes foron atendidas.

Neste ano 2015, as asociacións e comisións poderán elixir entre varias opcións: xogos populares (un conxunto de xogos formado por bolos, chave, tiro da corda, chapas, trompos, canicas, rá, petanca, carreiras de rodas e carreiras de sacos); grupo de música tradicional; coral; parque de xogos (para elixir dous, entre inchable, touro mecánico, futbolín humano ou karts a pedais); parque de inchables por idades; pasarrúas a cargo dunha charanga ou festa da escuma durante unha hora.

O prazo para presentar cuberta a solicitude remata o xoves 19 de marzo. O impreso deberá presentarse por rexistro de entrada e, para axilizar, opcionalmente presentarase unha copia tamén no Teatro Principal.

Esta convocatoria está destinada ás asociacións de veciños e, excepcionalmente, ás comisións de festas no caso de que non houbera asociación. As peticións atenderanse por estrita orde de entrada.

Axuda para carpas
Dende a Concellaría de Relacións Veciñais recórdase tamén que os veciños contan con axudas para o aluguer de carpas, concretamente 300 euros máis IVE, previa solicitude. Tamén existe a posibilidade de utilizar a carpa pertencente a Relacións Veciñais (10 x 6 metros), cuxo prezo de montaxe é de 550 euros máis IVE. No caso de elixir esta opción, o custo a asumir polo Concello sería tamén de 300 euros máis IVE.

Compartir: