SEGURIDADE E MOBILIDADE

O Concello pon en marcha un proxecto piloto de reserva de praza de estacionamento en superficie a través do móbil

13/02/2015 Dende as 7:00 horas do vindeiro luns, 16 de febreiro, e durante 90 días, a avenida de Barcelona será escenario dun proxecto piloto de reserva de praza de estacionamento a través do móbil. Serán 36 prazas as dispoñibles, de xeito gratuíto, nun horario de 7:00 a 14:00 horas. Os condutores que baixen a aplicación, tamén de balde, poderán buscar en tempo real as prazas libres nesta rúa, reservalas e aparcar.

O concelleiro de Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, presentou esta nova aplicación móbil, chamada Apparcar, que achega unha solución intelixente a un problema, o do estacionamento, que, segundo dixo, supón "non só un problema de espazo, senón de tempo". Na rolda de prensa, o edil estivo acompañado do responsable municipal do Departamento de Innovación, Fernando Suárez; o xefe de vendas de Administración Local de Telefónica, Roberto Vázquez; e do conselleiro delegado de Apparcar, José Luis Eirós, creador da aplicación.

Segundo Sánchez-Brunete, Santiago de Compostela sitúase así á vangarda entre as cidades españolas na proposta dun modelo intelixente de xestión do estacionamento en superficie. Do estudo dos datos reais sobre comportamentos de mobilidade que xere esta experiencia piloto dependerá que se lle dea continuidade nun futuro. Esta aplicación Apparcar tamén será probada proximamente pola cidade de Madrid.

A só un click
Apparcar preséntase como a primeira aplicación móbil gratuíta que permite aos condutores atopar a praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino na rúa e reservala con tan solo un click. Propón un novo modelo de xestión do aparcamento público en superficie, que ofrece información en tempo real e a través de algoritmos, do estado de ocupación de cada praza, permitindo tomar decisións baseadas en datos e non na intuición ou na sorte.

O seu funcionamento é sinxelo e moi similar ao empregado para a xestión de reservas de butacas en teatros ou cines. Permite coñecer, sen necesidade de sensores e en función de se foron ou non reservadas as prazas, a oferta de estacionamento dispoñible. Previamente, as 36 prazas da avenida de Barcelona foron delimitadas, numeradas e identificadas. A sinalización vertical marca tamén a delimitación desta zona de aparcamento piloto.

O sistema detectará, a través do GPS do móbil, cando o condutor está preto do destino indicado e pregunta, nese momento, se se desexa facer efectiva a reserva e por canto tempo. No caso de que a praza recomendada estea ocupada por outro vehículo sen reserva, o condutor pode notificar a incidencia -será comprobada por un controlador-, e automaticamente se le asignará unha nova praza próxima. O sistema guiará ao condutor ata a praza reservada.

Durante os días de implantación deste proxecto piloto, unha serie de controladores encargaranse de informar a todos os condutores do funcionamento deste sistema de estacionamento, ademais de controlar o uso das prazas por quen efectivamente a ten reservada. Permitirase un máximo de 180 minutos de aparcamento continuado e a reserva só se poderá realizar dende unha distancia límite de 2 quilómetros á devandita avenida de Barcelona.

A aplicación pode descargarse gratuitamente tanto para iPhone (App Store) como Android (Play Store).

Direcciones relacionadas



Compartir: