PLENO

O Concello adiantarase ao cumprimento dos requisitos da Lei de Transparencia

30/01/2015 O Pleno da Corporación adoptou o compromiso do Concello de Santiago de Compostela para cumprir os requisitos marcados pola Lei de Transparencia o 1 de xullo de 2015, adiantándose así á data de entrada en vigor marcada pola citada norma.

A Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno é só obrigatoria na actualidade para o Estado. A entrada en vigor da mesma para as entidades locais fíxase para o 11 de decembro de 2015. Non obstante, o Concello de Santiago adiántase a esta data e comprométese a cumprir os requisitos marcados pola Lei o 1 de xullo de 2015.

Na proposición, presentada polo grupo municipal popular e aprobada cos votos deste e do grupo socialista (o BNG abstívose), afírmase que "a transparencia, o acceso á información pública e as normas do bo goberno deben ser os eixes fundamentais de toda acción política. Só cando os cidadáns coñecen como se toman as decisións que lles afectan e como se manexan os fondos públicos poderemos falar de poderes públicos que responden ante unha sociedade crítica e esixente".

Neste sentido, apúntase que "canto maior é o nivel de transparencia e, polo tanto, maior é o coñecemento dos cidadáns sobre a actuación dos seus representantes, maior crítica se pode facer ao seu traballo, xulgalos e decidir en consecuencia nas urnas, favorecendo polo tanto o sistema democrático e contribuíndo a unha maior eficacia e eficiencia na xestión pública".

Compartir: