ALCALDÍA

A 2ª edición de Compostela Gastronómica celebrarase do 16 ao 21 de abril

29/01/2015 Co obxectivo de converter a Compostela Gastronómica nunha marca permanente, nun xeito de identificar a Santiago como un destino gastronómico de primeiro nivel, en Fitur tamén se deron a coñecer algunhas pinceladas da vindeira edición deste evento, que se celebrará do 16 ao 21 de abril. Así o anunciou o alcalde, Agustín Hernández, nunha presentación acompañada dunha mostra da gastronomía da cidade, personificada nas creación dos cociñeiros Siro González,do Caney, e Lucía Freitas, da Tafona do Peregrino.

Para Agustín Hernández, Santiago reúne catro grandes propiedades para ser un destino gastronómico de primeiro nivel internacional: o Mercado de Abastos, que ofrece o mellor produto galego no corazón do Casco Histórico; a ampla oferta de restaurantes; un grupo de persoas (produtores, praceiros, comerciantes, restauradores e hoteleiros) comprometidos co desenvolvemento gastronómico da cidade; e unha cidade hospitalaria e tranquila na que gozar do comer e do cear.

"Dende o Concello de Santiago consideramos que o mellor modo de promocionar a nosa gastronomía é a través dunha marca que nos posicione como destino, poñendo en valor estas catro propiedades. Esta marca é Compostela Gastronómica", afirmou o alcalde.

Tras éxito da primeira edición, celebrada en setembro, dixo, "queremos impulsar neste ano 2015 esta marca", comezando pola promoción en Fitur. Así, aproveitou o evento para anunciar que a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega", se celebrará do 16 ao 21 de abril.

"O noso obxectivo é facer un evento propio, diferenciado, que non sexa unha repetición do xa existente. Queremos facer un evento de Santiago para os amantes da gastronomía galega, un evento que parte dunha premisa: gozar da nosa gastronomía. Terá catro liñas claras de acción: o produto do Mercado de Abastos; os nosos cociñeiros, como protagonistas de talleres de cociña en directo para afeccionados á cociña; cociñeiros galegos e españois que compartirán coñecementos cos profesionais composteláns; e actividades abertas para gozar da gastronomía da cidade. Trátase, en definitiva, de "facer unha gran festa arredor da nosa gastronomía", concluíu o alcalde.

Compartir: