CULTURA

Dobre concerto do británico Vessel e do portugués Atilla dentro do Compostela Rock

27/01/2015 O británico Vessel e o portugués Atilla protagonizan unha noite de electrónica de vangarda este mércores 28, ás 21:00 horas, na Fundación SGAE. Este concerto enmárcase dentro do ciclo Compostela Rock, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, e en colaboración coa asociación Desconcierto Cultural. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ou tamén na Reixa Tenda e en desconciertocultural.ticketea.com. O prezo é de 10 euros anticipada e 13 euros o día do concerto

Sebastian Gainsborough, máis coñecido como Vessel, procede de Bristol e forma parte do colectivo orixinario da súa cidade Young Echo, un movemento que alcanzou recentemente unha importante notoriedade ao ser portada dunha das edicións da prestixiosa revista Wire. A proposta de Gainsborough é ecléctica e nela conflúen o dark ambient, o dubstep, e mesmo o techno. Tras varios EP e dous LP ás súas costas, Vessel percíbese como un dos renovadores da nova electrónica británica.

Membro do selo Tri Angle xunto a nomes esenciais como Holy Other ou The Haxan Cloak, Vessel presentará en Compostela o seu último traballo, Punish, Honey (Tri Angle, 2014), que inclúe temas tan sobresaíntes como "Anima" ou "Red Sex".

Pola súa banda, a obra do portugués Atillla poderíase etiquetar baixo o concepto de witch house. As súas composicións son escuras, de corte minimalista, e con escasas, inda que contundentes, variacións harmónicas. A crítica e o público coincidiron en loar o seu directo, que complementa con proxeccións en vídeo, calculadas ao milímetro.

Compartir: