TURISMO

Turismo de Santiago e Aer Lingus colaboran na promoción da cidade no mercado irlandés

25/01/2015 Turismo de Santiago participa na Holiday World Show, a principal feira turística do mercado irlandés, un dos mercados que esta tendo un maior crecemento na cidade nos últimos anos. Nesta feira, Turismo de Santiago e Aer Lingus, en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Dublín, sortearán unha viaxe a Santiago para dúas persoas.

Turismo de Santiago e Aer Lingus colaboran habitualmente na organización de diferentes accións de promoción da cidade en Irlanda e da conexión aérea entre Dublín e Santiago. Por exemplo, no ano 2014 organizouse unha viaxe de xornalistas en abril e unha viaxe de touroperadores en setembro.

A Holiday World Show celébrase en Dublín entre o 23 e o 25 de xaneiro. Turismo de Santiago reunirase con touroperadores, axentes de viaxes e asociacións de amigos do Camiño de Santiago, co obxectivo de continuar mantendo os bos datos do mercado irlandés na cidade nos últimos anos.

En 2014, Irlanda foi o sexto país con maior número de peregrinos internacionais por detrás de Italia, Alemaña, Portugal, EEUU e Francia. O ano pasado marcouse un novo máximo no número de peregrinos irlandeses, con 5.020, consolidándose por riba dos 5.000 ao ano, cifra que alcanzou por primeira vez no 2013. Entre o 2004 e o 2014, o número de peregrinos irlandeses multiplicouse practicamente por 10.

No pasado ano, Aer Lingus obtivo os mellores datos en volume de pasaxeiros na súa conexión entre Dublín e Santiago, consolidándose no aeroporto con preto de 30.000 pasaxeiros anuais, logo do aumento de frecuencias que tivo lugar no 2013.

Documentos relacionados



Compartir: