XUNTA DE GOBERNO

O Concello restaura outro tramo do Sarela e avanza cara a creación dun Grande Itinerario Natural polas ribeiras dos dous ríos da cidade

23/01/2015 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto da segunda fase da restauración do tramo do río Sarela entre O Romaño e Galeras, no contorno do antigo curtidoiro da Pontepedriña de Arriba. Dáselle así continuidade á mellora ambiental que o Concello vén realizando neste importante itinerario fluvial.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, con esta actuación preténdese "limpar, recuperar e sanear o contorno do antigo curtidoiro de Pontepedriña de Arriba (O Avío), onde na actualidade se están a desenvolver obras para a creación do Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitación". As obras previstas, encadradas no programa Urbana Santiago Norte, contan cun orzamento de 32.586 euros e un prazo de execución de 53 días hábiles.

Grazas a estes traballos, apuntou o alcalde, "vaise recuperar a canle de pedra existente no camiño que linda coa edificación, construirase outra nova para canalizar as augas de escorrentía–saneando toda a zona- e prepararase o propio camiño para o paso de persoas e maquinaria agrícola, incluíndo catro pasos sobre o río con pontellas de pedra".

A intervención tamén inclúe o contorno do muíño, coa limpeza e retirada de depósitos que actualmente impiden a súa posta en funcionamento, a limpeza da canle de evacuación ata o río e a liberación dun ollo cego da ponte existente.

"Estas obras danlle continuidade á primeira fase de mellora do itinerario fluvial entre Galeras e O Romaño xa realizada (a zona entre a Ponte de Asén, preto xa de Galeras e esta zona na que agora se vai actuar), explicou Agustín Hernández.

Engadiu que, ademais dunha mellora para o contorno do Centro Nacional de Rehabilitación que se espera poida empeza a funcionar o ano que vén, as obras servirán para restaurar un tramo do paseo fluvial coincidente co Camiño histórico a Bergantiños. Tamén se recuperarán elementos da arquitectura tradicional de marcado carácter funcional, como canles, pontellas de paso na proximidades da ponte de tres ollos existente.

En definitiva, apuntou, "trátase de mellorar o contorno do río Sarela, ampliando a súa potenciación como lugar de gran riqueza ambiental e de enormes posibilidades para o goce da cidadanía".

O alcalde enmarcou esta actuación na "estratexia que ten este Goberno de poñer en valor o gran patrimonio natural e, singularmente, o patrimonio fluvial do Concello, que aínda motos veciños e veciñas descoñecen". Nesta liña, lembrou, estamos a traballar na creación dun Grande Itinerario Natural polas ribeiras do Sar e do Sarela, aproveitando as posibilidades que ofrecen dende o seu nacemento estes dous ríos, "dende sempre vinculados á evolución e á articulación da cidade e que consideramos que deben recuperar boa parte do protagonismo que tiveron noutro tempo para a veciñanza".

Documentos relacionados



Compartir: