NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Santiago participará con outros oito concellos nunha nova convocatoria do Club de Debate

22/01/2015 Por cuarto ano consecutivo, varios concellos galegos –entre eles o de Santiago de Compostela- a través dos seus servizos de normalización lingüística,poñen o marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico. Os representantes dos concellos que fan posible este programa de dinamización lingüística asinaron en Carballo a addenda ao protocolo de colaboración co que se organiza este proxecto dende o curso 2011-2012.

Ademais de Santiago, estarán nesta cuarta edición conxunta os concellos de Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois e Teo. A participación confirmada é de 23 equipos mixtos e mais de 200 rapaces e rapazas de entre 3.º da ESO e 1.º de Bacharelato ou ciclos formativos de 16 centros de ensino destes nove concellos.

Despois de pasar nas edicións anteriores a final galega por Pontevedra, Santiago e Ferrol, nesta cuarta edición será Carballo o concello encargado de acollela, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para esa final galega é "Herdamos o galego, temos que transmitilo" e terá lugar o domingo 26 de abril no Pazo da Cultura de Carballo.

A esa final chegarán 6 equipos, que serán os dous primeiros clasificados de cada unha das tres zonas en que se divide a competición: 1, Carballo, Ferrol e Negreira; 2, Ames, Rois e Santiago de Compostela; e 3, O Carballiño e Pontevedra.

Cada un dos equipos participantes está formado por entre 4 ou 10 rapaces e rapazas de 3.º ou 4.º de ESO, 1.º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre que sexan menores de 18 anos. Os equipos son sempre mixtos e están coordinados por un preparador ou preparadora, que é un/unha docente do centro de ensino.

Todos os grupos participarán previamente aos debates nunha xornada de formación que en cada zona ou localidade ten lugar nunha data distinta, mais que xa servirá para repasar as normas de competición e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, ademais de ser a primeira ocasión en que equipos distintos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.

Tres fases de zona e final galega
A competición organízase en tres fases de zona e nunha final galega. En cada unha das fases de zona os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural valorado en 500 e 300 euros. O equipo que gañe na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar no que poidan tamén coñecer novos aspectos da realidade lingüística.

A primeira fase de zona terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, Ames, o venres 27 de febreiro, e nela debaterán oito equipos de Ames, Santiago de Compostela e Rois. As outras dúas fases de zona terán lugar o sábado 7 de marzo. Ese día, no Pazo da Cultura de Pontevedra, debaterán os equipos desa cidade e do Carballiño e, no Teatro Jofre de Ferrol, os desa cidade, Carballo e Negreira. Os temas sobre os que se debaterá nestas fases de zona están aínda por determinar.

Os dous primeiros equipos clasificados en cada zona debaterán na final do 26 de abril en Carballo sobre "Herdamos o galego, temos que transmitilo".

Fomento do uso do galego entre a mocidade
Este Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos servizos de normalización lingüística dos concellos organizadores que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego é o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria. E tamén será a ferramenta coa que se pretende promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

O Club de Debate diríxese, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os/as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Direcciones relacionadas



Compartir: