EMPREGO

A Axencia Local de Colocación conta xa con 27.000 usuarios e mediou na cobertura de máis de 600 postos de traballo en tres anos

21/01/2015 A Axencia Local de Colocación cumpriu o seu terceiro ano (dende xuño de 2012) procurando facilitar os procesos de inserción laboral mediante actividades de prospección, xestión de ofertas, orientación laboral e formación. Neste período, déronse de alta na Axencia 27.000 usuarios e 432 empresas que publicaron as súas ofertas a través da mesma.

Entre xuño de 2012 e decembro de 2014, a Axencia Local de Colocación xestionou 1.033 ofertas, que se materializaron en 2.147 postos ofertados. A intermediación deste servizo logrou que se cubrirán 604 postos. Todos estes datos foron ofrecidos en rolda de prensa pola concelleira de Emprego, Reyes Leis, acompañada do técnico municipal Xabier Ferreiro.

No ano 2014, a Axencia rexistrou 5.120 novos usuarios e xestionou 320 ofertas (417 en 2013 e 296 en 2012) e 580 postos de traballo (774 en 2013 e 793 en 2012), dos que se cubriron 220 a través da súa mediación (263 en 2013 e 121 en 2012).

Os postos máis demandados en Santiago de Compostela seguen a ser os relacionados cos seus máis importantes sectores produtivos, como o comercio, o turismo ou os servizos. Así, ofértanse con regularidade postos como os de camareiro, cociñeiro, dependente de comercio, auxiliar administrativo, comercial ou docente/monitor, entre outros.

Oferta formativa
A todo isto hai que engadir a extensa oferta formativa que presta a Axencia, que se traduciu nestes tres anos en 225 cursos nos que participaron 8.497 persoas. No último ano 2014, o servizo realizou 65 cursos, con 2.766 participantes.

A esta formación propia súmase toda a oferta de diversos programas europeos e autonómicos, a maioría dos cales leva aparellada a contratación por un período determinado de tempo. É o caso do Urbana Santiago Norte, cun programa de bolsas para o acceso a persoal especializado como vía de mellora da competitividade, no que, en 2014, participaron 21 empresas e foron contratadas 25 persoas.

Por outra parte, entre 2012 e 2014, realizáronse oito obradoiros de emprego promovidos pola Xunta de Galicia baixo o título Santiago Impulsa. Participaron 77 alumnos-traballadores, que se beneficiaron de 960 horas formativas. O orzamento total destas accións foi de 899.560 euros.

Tamén promovidas dende o ámbito autonómico, os programas integrados xeraron 48 cursos, con 210 participantes entre o 2011 e o 2014. O investimento de 343.406 euros traduciuse en 899 horas formativas totais e en 3.534 horas de prácticas en empresas.

A oferta formativa completouse co Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados), tamén promovido pola Xunta, que no caso de Santiago supuxo 14 cursos no período analizado, con 210 participantes e 8.649 horas lectivas. Este programa tivo un investimento en Compostela de 1.026.750 euros.

Redes sociais
Ao incremento de usuarios e ao maior nivel de difusión de todos os servizos e actividades da Axencia Local de Colocación contribúe sen dúbida a súa importante presenza nas redes sociais. Así, a páxina de Facebook da Axencia ten na actualidade máis de 12.000 seguidores e a conta de Twitter ten máis de 1.600 seguidores.

Compartir: