FESTAS

O desfile-concurso do Antroido 2015 repartirá 16.000 euros en premios

19/01/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, presentou en rolda de prensa as bases do desfile-concurso do Antroido 2015, que terá lugar o martes 17 de febreiro. Ata o día anterior, luns 16 de febreiro, estará aberto o prazo de inscrición nun certame que repartirá 16.000 euros, case 4.000 euros máis que na edición de 2014.

O tradicional desfile do martes de Antroido está aberto a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase no Servizo de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 16 de febreiro. É aquí onde os interesados deberán entregar as súas follas de inscrición, que se poden descargar dende esta mesma web (documentos adxuntos).

Categorías e requisitos
Hai varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 16.000 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 3.500 euros e 2.400 euros, respectivamente, polos 800 que levará o mellor grupo, os 400 da mellor parella ou os 300 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio, con ata 600 euros para a primeira clasificada.

Considerarase carroza calquera elemento móbil, a motor ou non. En ningún caso excederá das medidas de 2,50 metros de ancho por 4,20 de alto e de 9 metros de longo. Todas as carrozas que se presenten ao desfile deberán presentar unha descrición detallada segundo a ficha de inscrición, así como unha copia da póliza de seguro contratada ao efecto e os permisos de circulación e carnés pertinentes no caso de carrozas mecánicas. A carroza ten que ir acompañada dun mínimo de 15 persoas.

Serán comparsas aquelas agrupacións que baixo un tema común estean composta por un mínimo de 15 persoas. Diferéncianse así dos grupos, que terán máis de seis persoas e menos de 15.

Na edición de 2014 participaron no desfile do martes de Antroido sete carrozas, 17 comparsas, tres grupos, 12 parellas e oito disfraces individuais.

Concurso infantil
Tamén está prevista a celebración dun desfile e concurso infantil de disfraces o domingo 15 de febreiro, a partir das 17:00 horas, na Sala Capitol. Está dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos. A inscrición é gratuíta e realizarase na mesma sala.

Haberá tres categorías de participación: individual, parella e grupo a partir de tres persoas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas modalidades de grupo e de parella, e para os cinco mellores disfraces individuais. Os galardóns outorgaranse en metálico (200, 150 e 100 euros) para os mellores grupos, mentres que o resto de premiados recibirán tablets, libros electrónicos, cámaras dixitais ou equipos de música.

Máis información a través do teléfono 981 542 347, do fax 981 542 348 ou da dirección de correo electrónico tprincipal@santiagodecompostela.gal.

Compartir: