DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

En marcha as obras de humanización de Carreira do Conde, que suporán a mellora da calidade de vida dos habitantes desta zona

12/01/2015 As obras tamén contemplan a valoración da fonte existente como un elemento singular e a redución do costo de mantemento mediante a utilización de materiais pétreos e formas compactas. Tamén se levarán a cabo actuacións de reparación e mantemento das beirarrúas da Avenida de Xoán Carlos I que lindan co Parque da Alameda, nas que se instalará unha nova pavimentación e mellora da accesibilidade.

O Concello de Santiago de Compostela e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, veñen de iniciar hoxe, luns 12 de xaneiro, as obras da rúa Carreira do Conde. Os traballos, valorados en máis de 500.000 euros, centraranse na mellora desta área situada no inicio do casco histórico compostelán, o que significará unha importante mellora na calidade de vida dos habitantes desta zona da capital compostelá, ao tempo que se conserva o patrimonio histórico urbano.

O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, supervisaron esta mañá o inicio das obras, que farán que os máis de 82.000 veciños de Santiago de Compostela poidan gozar dun espazo máis ordenado e accesible nunha zona comercial da cidade e dunha nova distribución de usos con redución do espazo destinado ao tráfico rodado en favor do tráfico peonil e o aumento da superficie axardinada, ademais de axustar ditos percorridos a posición real dos pasos de peóns. Por outra banda, eliminaranse os desniveis non protexidos e crearanse espazos peonís para o embarque e desembarque en escaleiras. O prazo de execución é de seis meses.

Deste xeito, habilitaranse itinerarios adaptados ou practicables, segundo o caso, en todos os percorridos para cidadáns existentes, especialmente os que salvan o desnivel do noiro axardinado. Ademais, crearase un novo deseño axardinado para configurar o espazo de estancia con zonas ambientais diferenciadas. As obras tamén contemplan a valoración da fonte existente como un elemento singular e a redución do costo de mantemento mediante a utilización de materiais pétreos e formas compactas.

Agustín Hernández recalcou nesta visita os beneficios da humanización das rúas: ambientais, de calidade de vida, diminución dos ruídos, menos contaminación, máis espazo para os cidadáns e menos para os vehículos. O rexedor indicou ademais que a experiencia, non só en Santiago senón en moitas cidades de España e do mundo, demostra que as rúas peonís se converten en zonas atractivas para os cidadáns e, polo tanto, tamén para o comercio.

Hernández agradeceu o apoio da Xunta neste proceso de humanización das rúas compostelás e a contribuación para Santiago sexa un exemplo de aposta pola mobilidade urbana.

Obras concretas
As obras en Carreira do Conde compleméntanse con pequenas actuacións de reparación e mantemento das beirarrúas da Avenida de Xoán Carlos I que lindan co Parque da Alameda, onde se executará unha nova pavimentación e mellora da accesibilidade.

O estado actual no que se atopan estas rúas da cidade compostelá fai necesaria dita actuación, posto que existen varios problemas como de accesibilidade, debidos principalmente ao desnivel de cotas que se resolven mediante itinerarios escalonados que non alcanzan a clasificación de adaptados nin transitables; situacións puntuais de perigo no uso da urbanización debidas a varandas de altura insuficiente, falta de espazo peonil no desembarco de escaleiras e desniveis imprevistos no pavimento; e conxestión e ruídos debidos ao tráfico sobre un pavimento non continuo, entre outros.

Plan hUrbe
Nos últimos catro anos, a Xunta de Galicia destinou máis de 8 millóns de euros en obras de na humanización e mellora de espazos públicos no concello de Santiago de Compostela, dentro do Plan hUrbe.

Así, levouse a cabo a humanización das rúas: Nova de Abaixo; Berlín; Avda. de Fontiñas; Castelao; Ponte de Romaño-Pombal (Vista Alegre-Galeras-Salvadas); Camiño Novo-Volta do Catro. Actuacións que suman un importe de 7,9 millóns de euros, aos que agora se engade o investimento das obras que se iniciaron esta mañá, polo que o investimento elévase a 8,6 millóns de euros.

Estas actuacións, integradas no Plan hUrbe, ten por obxectivo facilitar que as vilas e cidades de Galicia sexan máis humanas e ofrezan cada vez máis posibilidades de goce e benestar ás persoas. Este plan interveu nun centro de espazos públicos ao longo de toda Galicia cun investimento superior aos 90 millóns de euros.

Corte de tráfico
A rúa pecharase ao tráfico a partir de mañá martes 13 de xaneiro e tamén quedará prohibido o estacionamento. Os vehículos procedentes da rúa Xeneral Pardiñas terán que saír necesariamente cara ao Campo da Estrela. Garantirase en todo momento o acceso dos residentes aos garaxes.

O tránsito peonil tamén se verá afectado xa que non poderán empregarse as dúas escaleiras que dan acceso a Carreira do Conde desde a avenida Xoán Carlos I. Deberá accederse ben pola entrada desde Porta Faxeira ou desde a Igrexa do Pilar. Todos os desvíos estarán debidamente sinalizados.

Compartir: