TRASLACIÓN

O alcalde de Santiago pide a axuda do Apóstolo "para que os que temos a responsabilidade de gobernar o fagamos atendendo antes a quen máis o necesita"

30/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, actuou esta mañá como delegado rexio na Cerimonia da Ofrenda de Traslación dos restos do Apóstolo, a quen solicitou axuda para abordar os principais problemas que preocupan á sociedade e pediu para "os que temos a responsabilidade de gobernar" a especial intercesión de Santiago, "para que o fagamos sempre co tino e coa sensibilidade necesaria para atender antes a quen máis o necesita".

Iniciou a súa invocación mencionando os aspectos históricos e relixiosos que envolven tanto a propia cerimonia da Traslación como a figura de Santiago e da catedral, que se foi construíndo ao longo de xeracións e de séculos, a través dunha longa historia na que houbo moitos momentos de temores e dificultades.

"Durante os últimos anos pasamos tamén por momentos cheos de adversidades e sacrificios que nos puxeron a proba, no plano económico e tamén no plano social. Fixemos, cada un de nós en maior ou menor medida, un gran esforzo para sobrepoñernos e aínda o estamos a facer, porque as melloras precisan chegar a todos, pero comezamos a albiscar unha luz de esperanza", asegurou o rexedor.

Agustín Hernández avogou por unha sociedade "cada paso máis fraternal e solidaria, na que o dereito ao traballo e á vivenda sigan a ser o noso obxectivo prioritario".

Fixo referencia a algúns dos grandes problemas que hoxe nos afectan e preocupan como sociedade, como a violencia de xénero, o terrorismo ou a propagación de enfermidades mortais, "para os que precisamos atopar o remedio axeitado".

Solicitou a axuda do Santo Patrón "na tarefa de loitar sen límites contra a corrupción, para tratar de erradicala definitivamente da vida política e social", e para a recuperación de principios e valores "que son o fundamento da doutrina cristiá pero que teñen tamén unha validez universal e son indispensables na orixe e consolidación dunha necesaria e desexable paz social".

Tamén pediu prestar unha maior atención á infancia, que é garantía do noso futuro, e á vellez, que é a raíz do noso presente, así como "á solidariedade, primeiramente no noso arredor, pero tamén neses países que situamos noutro mundo e que nos lembran que seguen á espera dunha xustiza que non lles chega".

O alcalde de Santiago incidiu na necesidade de reforzar cuestións como a unidade e a convivencia, "que establecemos de común acordo, que nos serviron para mellorar como pobo e que nos deben guiar no noso futuro".

"Que sigamos actuando co mesmo espírito de entendemento, de colaboración e de integración que, con aprecio e respecto polas diferenzas, nos permitiron gozar da estabilidade e do progreso das últimas décadas", manifestou.

Hernández lembrou que novo Rei Felipe VI acudiu ante o Apóstolo Santiago persoalmente para facer a ofrenda nacional este mesmo ano, hai cinco meses, nos inicios do seu reinado, como tamén o fixera hai algo máis de dúas décadas, no remate do Xacobeo de 1993, pronunciando a invocación desta mesma celebración do traslado, na súa condición de Príncipe de Asturias e herdeiro á Coroa de España.

O rexedor compostelán salientou que, daquela, o Monarca ofreceu o "sedimento persoal" da súa xuventude e da súa "propia experiencia", reclamando a axuda do Santo, "e eu hoxe, quixera rematar renovando aquela petición e lembrándovos as súas palabras, pronunciadas nesta mesma lingua que eu vos falo, para que endexamais carezamos do brillo da vosa ultraterrea e misericordiosa ollada", rematou.

A cerimonia relixiosa na que o delegado pronunciará a súa ofrenda comezou en torno ás 11:30 horas. Antes, Agustín Hernández realizará o pase de revista ás tropas, encabezada polo xefe da Forza Loxística Operativa (FLO).

Logo da misa, as autoridades dirixíronse ao pazo de Raxoi, onde o delegado rexio presidiu unha recepción con motivo desta celebración e asinou no Libro de Honra.

Documentos relacionados



Compartir: