EDUCACIÓN

O Teatro Principal acolle o Festival de Nadal dos alumnos da Escola Municipal de Música coa participación de máis de 250 alumnos

19/12/2014 A cita é hoxe venres ás 19.00 h e conta coa asistencia da concelleira de Educación, María Corral. Mañá sábado, continúan as actividades da EMMS cun concerto ás 12 na praza do Toural no que participarán Orquestra, Orquestriña e a Banda, agrupacións integradas todos elas polo alumnado e o profesorado da EMM. Ditas propostas veñen sumarse a ampla programación cultural e educativa da nosa cidade nestas datas.

O venres 19 de decembro ás 19 h, o Teatro Principal de Santiago acolle o Festival de Nadal que tradicionalmente organiza nesta datas a Escola Municipal de Música. Neste encontro dáse a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses, no que participarán máis de 250 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias. Nesta ocasión, por problemas de aforo non participarán os nenos e nenas da modalidade de Música e Movemento (de 3 a 7 anos), que terán o seu propio encontro musical na primavera.

Neste caso, participarán as diferentes agrupacións da EMM: Orquestriña, Bandiña, Coro Infantil, Coro Xuvenil e de Adultos, Orquestra de Corda, Agrupación Tradicional e a Banda de Música da EMM, que interpretarán diferentes pezas nas que se misturarán os cantos de nadal, con música de cine e repertorio renacentista.

O sábado, 20 de decembro, a EMM ofrecerá o primeiro dos seus concertos previstos ao longo deste curso nos espazos máis emblemáticos da nosa cidade. Nesta ocasión, a Praza do Toural acollerá ás 12 h. o Concerto de Nadal, no que participarán unha mostra das diferentes agrupacións da EMM: Orquestra de Corda, Orquestriña e a Banda de Música da EMM que interpretarán diferentes pezas nas que se misturarán os cantos de nadal, con música de cine e repertorio renacentista.

Xa en xaneiro, o domingo 4 ás 12:30 horas no Teatro Principal, o Coro Infantil da EMM participará no Concerto de Reis que celebrará a Banda Municipal de Música de Santiago, coa intervención dos coros infantís dirixidos polas profesoras Simona Kantcheva e Olaia Novo, así como a interpretación da Sinfonía dos Xoguetes de Leopold Mozart, onde o alumnado de percusión terá a posibilidade de tocar como solistas. Outra das actuacións neste concerto virá dada pola agrupación de música tradicional que conta con 20 alumnos de diferentes especialidades, dirixida polo profesor Pablo Pascual.

O eixe central desta programación de Nadal da resposta ao proxecto educativo iniciado fai máis dunha década neste centro de ensino musical que ofrece a oportunidade de educar a través da música, promovendo a formación das persoas de todas as idades que desexan aproximarse ao mundo da música. Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta xa cunha matrícula de 431 alumnos e alumnas- a partir dos 3 anos- e cun equipo docente de máis de 18 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais. Constitúe un servizo público para acceder a unha oferta ampla e variada de especialidades instrumentais e de prácticas musicais ao longo de toda a vida, entre as que podemos salientar: violín, piano, clarinete, percusión, saxofón, trompa, guitarra, arpa, por citar algúns dos instrumentos de maior demanda. Así mesmo, conta con agrupacións como a Orquestra, a Banda, Agrupación de MúsicaTradicional e os Coros de adultos e de nenos e nenas, que responden aos diferentes intereses musicais do alumnado. Tamén colabora coas institucións culturais da nosa cidade co fin de integrar esta oferta no entramado sociocultural de Santiago de Compostela.

Compartir: