XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba melloras na área deportiva de Conxo e na zona do Romaño

19/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu conta en rolda de prensa dos asuntos adoptados na última sesión da Xunta de Goberno, entre os que salienta a aprobación de dous proxectos: un de melloras na área deportiva de Conxo e outro de actuacións viarias e de saneamento na zona do Romaño e Pontepedriña de Arriba. Así mesmo, concedeuse unha licenza para a instalación dunha plataforma elevadora nun edificio catalogado da rúa Nova de Arriba e asinouse un novo convenio con Gas Galicia para subministro ao sunp nº 11 do Castiñeiriño.

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de conexión exterior das redes de servizo e da adecuación das instalacións existentes na área deportiva de Conxo, como paso previo para o inicio do trámite de licitación e contratación das obras. Ten un orzamento total de 129.850 euros e un prazo de execución previsto de 1,5 meses.

As obras oriéntanse a independizar as redes das instalacións exteriores da área deportiva cedida polo SERGAS e axeitar as instalacións interiores á normativa de calidade, seguridade e salubridade. Con ese fin créase unha nova rede de saneamento, instálase unha nova acometida para a rede eléctrica, adáptase a instalación de auga quente e de electricidade, e renóvase a iluminación dos vestiarios. Así mesmo, substitúese integramente a iluminación exterior (torres e proxectores) do campo de fútbol de terra existente, para o que xa existe un proxecto de transformación nun campo de herba artificial. Tamén está prevista a substitución do peche perimietral do actual campo de fútbol de terra, no que se vai inclúir unha rede atrapabalóns.

Trátase, pois, dunha profunda remodelación destas instalacións, que vai redundar na comodidade dos moitos deportistas que empregan este recinto anexo ao sanatorio de Conxo.

Actuacións na zona do Romaño
Así mesmo, deuse luz verde ao proxecto para seis actuacións a desenvolver no chamado sector 21 O Romaño–Pontepedriña de Arriba, cun orzamento conxunto de 105.199 euros, e un prazo de execución de 2 meses.

As obras contempladas son as seguintes:
1.- Saneamento en Ponte Romaño: Executarase nova rede para unir un núcleo de casas que non dispoñen aínda dese servizo coa rede xeral de sumidoiros na estrada principal Santiago-Santa Comba.
2.- Pista Catalina: Vaise actuar sobre este vial paralelo á estrada xeral do Romaño, cunha lonxitude de 95 metros liñais que presenta a capa de rodadura deteriorada. As obras inclúen a execución de tres regos asfálticos e a construción dun valo de contención na beira da estrada xeral.
3.- Remate da pista do Ameneiral: Para completar outras actuacións xa desenvolvidas, coa construción dun treito intermedio na travesía de Lermo, pavimentado con chapa de Santiago en plano e cunha beiravía executada coa propia lousa.
4 e 5.- Na Rúa da Fonte de Lermo e Travesa de Lermo, vaise proceder á reposición do pavimento nesas dúas rúas con regos asfálticos.
6.- Pista das Casas da Horta: Vaise mellorar o vial que parte da estrada xeral en Vista Alegre e chega ata o lugar do Monte, na caída do Monte Pedroso. Trátase de acondicionar a recollida de augas procedentes do monte, coa limpeza de gabias e roza, e coa construción de canalizacións en puntos concretos.

Seguridade viaria
Relacionado coa seguridade viaria, aprobáronse dúas adxudicacións de sendos subministros: un dun sistema de cámaras de tráfico móbiles destinado a obter información puntual a tempo real do control de tráfico e outro para os materiais de mellora de seguridade viaria en dúas zonas da cidade.

No que respecta ás cámaras de tráfico, o subministro foille adxudicado á empresa Telvent, por un importe de 36.490 euros. Trátase de 4 cámaras móbiles que axudarán a completar a información en tempo real para mellorar o tráfico e axudarlles aos usuarios nos seus desprazamentos e desvíos necesarios, en especial con motivo das obras do paso inferior de Conxo.

As cámaras está previsto situalas en catro lugares estratéxicos da rotonda de Volta do Castro, rúa Santa Marta, cruce da Avda, da Coruña coa Avda. das Burgas e na rotonda de San Lázaro/SC-20. Neste puntos está previsto que aumente a demanda de puntos de regulación polos desvíos das obras do paso inferior da SC-20 en Conxo.

Na procura da mellora da seguridade viaria na contorna do IES Rosalía de Castro e na avenida do Camiño Francés, procedeuse á adxudicación do subministro e instalación de materiais precisos á empresa Telvent por un importe de 60.884 euros.

No caso do Instituto Rosalía de Castro vanse instalar semáforos centralizados no paso de peóns existente na saída do centro, na prolongación do Campo de San Clemente. Tal e como se informou, a instalación, que virá a dotar de maior seguridade aos peóns e facilitar a fluidez no tránsito de vehículos, inclúe columnas semafóricas, con elementos LED e con pulsadores para que os peóns poidan solicitar o paso.

No caso da Avenida do Camiño Francés, instalaranse semáforos nos pasos de peóns no cruce das rúas Fontiñas e París e crearase un novo paso de peóns na propia Avenida, regulándoo con semáforos centralizados con pulsadores para os peóns. Nesta mesma Avenida vaise proceder á prolongación da beirarrúa e da varanda existente na saída do paso subterráneo en dirección a San Lázaro, nuns 18 metros, para dificultar o paso dos peóns nesa zona e evitar cruzamentos indebidos e perigosos. Tamén se contempla a colocación doutra varanda na beirarrúa desta Avenida nas proximidades da rúa Victoria Kent, para tratar de impedir que os peóns circulen por onde non lles corresponde.

Plataforma elevadora na Rúa Nova
O alcalde salientou dentro dos acordos a autorización da instalación dunha plataforma vertical elevadora nun edificio de vivendas na Rúa Nova de Arriba (nº 23), que conta cun orzamento de execución de 30.000 euros. O edificio está enmarcado no recinto de intramuros e forma parte do patrimonio catalogado.

Esta é a primeira licenza que se concede para este fin na Rúa Nova e tamén a primeria licenza de obra concedida para unha instalación elevadora en vivendas do núcleo histórico en edificios con nivel de catalogación 2.

A plataforma elevadora é apta para dúas persoas e comunica o portal de acceso coas tres plantas do inmoble. No proxecto consérvase o tramo de escaleiras catalogadas de mármore que comunican a entrada do portal co nivel de acceso ao ascensor, contemplando a colocación dunha dobre varanda para mellorar as condicións de accesibilidade.

No pasado mes de outubro concedeuse outra licenza para a instalación dunha plataforma elevadora nun edificio de vivendas na rúa Caldeirería (nº 30-32) que presentaba algúns elementos catalogados, pero sen o nivel deste da Rúa Nova.

Como sinalou Hernández, este tipo de obras sitúanse na liña de protexer o uso residencial da cidade histórica, aumentar a calidade de vida dos cidadáns, incrementar a accesibilidade, evitar o abandono deste ámbito por parte de familias e parsoas maiores a outras zonas e, en definitiva, incrementar as posibilidades residenciais dunha zona que é preciso incentivar.

Convenio con Gas Galicia para o SUNP-11
Noutra orde de cousas, deuse luz verde ao texto dun convenio a subscribir coa empresa Gas Galicia para completar as obras de urbanización que o Concello está a executar no SUNP 11 do Castiñeiriño, ámbito que se estende entre a propia rúa do Castiñeiriño e a rúa da Estrada.

O obxecto do convenio é dotar da infraestrutura de distribución de gas nesa zona, sendo compromiso do concello a realización das obras de natureza civil necesarias, que serán executadas pola empresa contratista dos traballos de urbanización, sen que supoñan ningunha carga adicional para as arcas municipais.

Pola súa parte, a empresa Gas Galicia realizará as obras de natureza mecánica, que incluirán as conducións e demais elementos necesarios para asegurar o subministro a cada unha das parcelas.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno local tamén tratou outros asuntos de carácter xeral como a aprobación definitiva de axudas para 10 vivendas da área de rehabilitación integral do Casco Histórico, incluídas na décimo terceira fase do Convenio entre o Mº de Fomento, o IGVS e o Concello de Santiago para a ARI de Vista Alegre, con cargo á anualidade 2014. O importe conxunto das axudas acada os 27.527 euros, dos que o 55% son financiados por Fomento e o 45% restante pola Xunta de Galicia.

No apartado de obras autorízase a recepción dos traballos de "mellora de captación de augas pluviais na rúa Teo" executadas pola empresa Alcomte Galicia, S.L. durante o actual mes de decembro, por un importe de 57.000 euros; e aprobaráronse obras de reforma para o acondicionamento dun local destinado a consultorio médico-centro de reproducción, solicitado pola empresa ZYGOS Centro Gallego de Reproducción, para un local de planta baixa e primeira planta na Avenida de Barcelona (nº 23). Contan cun orzamento de execución material de 196.333 euros, afectan a unha superficie de 301 m2 útiles.

A Xunta de Goberno foi informada tamén da conta xustificativa do servizo de comedores escolares para os meses de setembro a novembro, que ascende a 14.813 euros para os comedores dos 9 centros de ensino público non universitario que son obxecto de convenio coa Consellería de Educación.

Por último, aprobouse a apertura de 2 procedementos de adxudicación para o subministro e implantación dunha solución de renovación de servidores e outro equipamento para o centro de proceso de datos do Concello, por un importe de 157.264 euros; e para o subministro e montaxe de pneumáticos, equilibrados de rodas e aliñacións de dirección para os diferentes vehículos adscritos ao parque móbil do Concello", por un importe de 14.975 euros.

Documentos relacionados



Compartir: