PLENO

Aprobadas as ordenanzas fiscais para 2015, que recollen unha rebaixa xeral de impostos para os composteláns

19/12/2014 O Pleno da Corporación ven de aprobar definitivamente, cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e a abstención do BNG, a modificación das ordenanzas fiscais para 2015. Acométese deste xeito unha rebaixa xeneralizada de impostos aos cidadáns de Santiago de Compostela que entrarán en vigor no mes de xaneiro.

O concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, foi o encargado de explicar no Pleno este plan de redución da presión fiscal, que subliñou "é posible grazas á mellora da situación financeira do Concello". Tamén informou das dúas alegacións que se aceptaron da oposición, a bonificación no IBI e no ICIO para as vivendas que instalen elementos de aproveitamento térmico.

En total, as ordenanzas fiscais para 2015 recollen 14 medidas destinadas a baixar os impostos municipais e a diminuír a carga fiscal ao cidadán por parte do Concello, con accións como a baixada xeral do IBI e importantes bonificacións no cobro do mesmo; o apoio a sectores estratéxicos na nosa cidade como a construción e o turismo; o fomento do emprego e medidas de carácter social para colectivos como familias numerosas ou beneficiarios de vivendas de protección autonómica.

A estas medidas súmanse outras tres accións complementarias que o Concello vai poñer en marcha para fomentar o fraccionamento do IBI; para axustar o calendario fiscal e así facilitar o seu pagamento; e para o fomento da domiciliación bancaria dos recibos. Todo isto co obxectivo dunha mellor planificación económica do contribuínte, dun maior prazo para o pagamento dos impostos e de máis comodidade á hora de aboar os recibos.

En conxunto, estas medidas suporán un impacto económico positivo por importe de 5,5 millóns de euros, cun aforro medio por veciños de 60 euros. Estes 5,5 millóns e euros –cifra case idéntica á do superávit do anterior exercicio- é o importe que deixará de recadar o Concello e que reverterá na propia cidade.

Baixada do IBI e axudas sociais
Entre as 14 medidas destaca a baixada do IBI (Imposto de Bens Inmobles), cuxo tipo impositivo pasará do 0,57 ao 0,54, continuando a senda de baixada iniciada o pasado ano, cando se pasara do 0,60 ao 0,57.

En relación ao IBI, tamén se establecen incrementos das bonificacións cun fin marcadamente social. Así acontece co aumento de tres anos máis da bonificación do 25% prevista para vivendas de protección autonómica (VPA), unha medida da que se poderán beneficiar unhas 1.400 vivendas.

O Concello tamén aumentará a bonificación do IBI para familias numerosas que poderá chegar ata o 60%. Finalmente, aumentará a bonificación do IBI nos núcleos rurais que poderá chegar ao 60% en función da carencia de servizos.

ICIO e Plusvalías
Tamén se reducirá o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), pasando o tipo vixente do 2% ao 1,9%, e o Imposto de Plusvalías (por venda de inmobles), cun tipo que pasará do 26% ao 22%. Calcúlase que da primeira medida se beneficiarán unhas 1.200 solicitudes de licenza e, da segunda, unhas 4.000 liquidacións.

Impulso a sectores estratéxicos
Outro tipo de medidas teñen como obxectivo o impulso de sectores estratéxicos. Nesa liña van dúas novas bonificacións fiscais do IBI: do 50% para inmobles declarados monumento histórico de interese cultural con actividade económica, e do 75% para inmobles de organismos públicos de investigación e de ensino universitario.

Para fomentar o sector da construción e inmobiliario, auméntase a bonificación dos inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria (obra nova ou rehabilitación), que chega ao 70%. Tamén se aproba a bonificación do 95% no ICIO para construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal. E para favorecer o emprego, a aquelas empresas que teñan incrementado o seu cadro de traballadores con contrato indefinido aumentaráselles a bonificación do IAE que poderá chegar ata un 45%.

Fraccionamento, calendario fiscal e domiciliación
Outra novidade destacada no eido fiscal será o cambio das datas de fraccionamento do IBI para aqueles contribuíntes que se acollan a esta posibilidade. As novas datas serán os días 5 de xullo, setembro e novembro (ata agora eran os días 5 de maio, agosto e novembro). Esta medida busca unha maior separación temporal co imposto de vehículos (marzo-maio), a unificación co novo calendario de pago voluntario, afrontar os meses de maiores necesidades económicas (xullo e decembro) e evitar o mes vacacional de agosto.

Prodúcese, en consecuencia, un axuste do calendario fiscal do IBI. Ao igual que no caso do devandito pago fraccionado, cambian as datas do pago voluntario, pasando a ser o 5 de xullo e o 5 de setembro (ata agora eran o 5 de abril e o 5 de xuño).

Sobre o fraccionamento, Ramón Quiroga manifestou a vontade do Concello de seguir traballando para ampliar este sistema, do que xa se benefician 5.000 contribuíntes. Tratarase de ampliar o número de prazos e de buscar as solucións técnicas para lograr un sistema de pagos á carta.

O Concello tamén seguirá fomentando a domiciliación, neste caso propiciando que o abono dos recibos domiciliados se realice o último día de pago. Os contribuíntes terán así un maior prazo ata o pago do imposto e para a súa planificación económica.

Documentos relacionados



Compartir: