CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia interpreta por primeira vez `Tristán e Isolda´, de Wagner, considerado o máis transcendente dos dramas músico-teatrais xamais escrito

17/12/2014 Os músicos estarán acompañados polas voces da soprano Jane Irwin no papel de Isolda, o tenor Christian Voigt como Tristán e a mezzosoprano Anne Marie Owens como a serventa Brangäne

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto de Nadal o vindeiro venres, 19 de decembro, ás 21:00 horas no compostelán Auditorio de Galicia. A orquestra interpretará Tristán e Isolda de Wagner, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel. Os músicos estarán acompañados nesta ocasión polas voces da soprano Jane Irwin no papel de Isolda, o tenor Christian Voigt como Tristán e a mezzosoprano Anne Marie Owens como Brangäne -a serventa de Isolda-.

A orquestra achegará ao público varios fragmentos desta obra, do compositor alemán do Romanticismo Richard Wagner (1813-1883). É unha ópera en tres actos, baseada na lenda medieval de Tristán e inspirada pola aventura do compositor con Mathilde Wesendonck, esposa do seu protector. Composta entre 1857 e 1859, estreouse en Múnic en 1865, cualificada polo propio Wagner como ?drama musical?.

Os expertos ven nesta obra o comezo do fin da harmonía tradicional e a tonalidade e consideran que establece a base para a dirección da música clásica do século XX. Para moitos musicólogos e afeccionados á ópera Tristán e Isolda é a gran obra mestra de Wagner, o máis transcendente dos dramas músico-teatrais xamais escrito e ao que a Real Filharmonía de Galicia achégase por primeira vez.

Unha das óperas máis belas da historia da música
Tristán e Isolda representa unha das óperas máis belas, non só de Wagner, senón tamén de toda a historia da ópera. Tempo antes do inicio da acción, tivo lugar unha loita en Irlanda entre Tristán, cabaleiro bretón, e Morold, un guerreiro irlandés do que estaba namorada a princesa irlandesa Isolda. Cando esta chega ao campo de batalla atopa ao seu amado ferido de morte e a Tristán gravemente ferido. Isolda pensa en matar a Tristán, pero, finalmente, en lugar de facelo lévao a palacio e cúrao das súas feridas. A pesar deste xesto, o mozo non mostra ningún afecto pola princesa e, unha vez reposto, regresa a Cornualles.

Tristán fálalle ao seu tío, o rei Marke, das calidades de Isolda como futura esposa do ancián rei, polo que este decide casar con ela e manda ao seu sobriño a buscala. O primeiro acto da ópera comeza durante a travesía no barco que leva a Isolda a Cornualles. O final da obra é tráxico para os dous protagonistas, como é propio do drama romántico.

Tres grandes voces para Tristán, Isolda e Brangäne
A soprano británica Jane Irwin actúa con regularidade no Reino Unido, Europa e América. Debutou no Carnegie Hall de Nova York en 2002 coa Sinfónica de Pittsburgh. Cantou nos principais festivais e traballado con diferentes orquestras europeas e norteamericanas, baixo as batutas máis prestixiosas. Ofreceu recitais nos grandes auditorios de Francia, Reino Unido, Suíza e até en Xapón.

A tamén británica Anne Marie Owens é considerada na actualidade unha das mellores mezzosopranos inglesas. Actuou para moitas das grandes compañías do mundo, chegando mesmo a Australia, China ou Xapón. O seu amplo repertorio inclúe personaxes de Tristán e Isolda de Wagner, Aida de Verdi ou Shéhérazade de Ravel, entre outros moitos.

O tenor alemán Christian Voigt estudou canto na súa cidade natal, Berlín. Resultou gañador na 6ª Competición Internacional Mozart en Salzburgo. Centrou a súa carreira no repertorio máis dramático, actuando en varios países europeos como Austria, Suíza, Italia, Francia, Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Polonia, Estonia, Hungría? xunto a importantes orquestras e en destacados auditorios. Recentemente interpretou con gran éxito en Turquía a Erik na pantasma da ópera, ademais de facelo en Hannover e en Frankfurt. Tamén acaba de interpretar a Sigfrido en Pequín.

Compartir: