ALCALDÍA

O alcalde asina o convenio coa Xunta de Galicia para a construción do aparcadoiro de Pontepedriña

17/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou hoxe o convenio coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, para a construcción do aparcadoiro de Pontepedriña. Este espazo vai permitir achegar aos cidadáns unha ampla superficie ben acondicionada e comunicada para deixar o automóbil e acceder en poucos minutos ao centro do Ensanche, de forma segura, cómoda e gratuíta. As obras licitaranse nos primeiros días de xaneiro por máis de 840.000 euros.

O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas polo rúa Escultor Camilo Otero, con 184 prazas para vehículos e 26 para motocicletas, baixo o viaducto do ferrocarril, nunha zona moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes.

A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Ruibal, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna.

Con esta firma conplétanse todos os pasos pertinentes por parte do Concello para facer posible esta actuación e que pasaron pola tramitación urbanística necesaria para facer compatible a nova actividade coas determinacións do planeamento; coa achega dos terreos de titularidade municipal necesarios que foran obtidos no seu día mediante execución do propio planeamento; coas xestións oportunas ante o ADIF, propietario da maior parte dos terreos situados baixo o viaduto ferrovario, que concluíron coa cesión gratuíta dunha superficie de 4.254 m2, necesaria para desenvolver as obras; e por último, co inicio da expropiación dunha pequena franxa de terreo de apenas 1.000 m2, propiedade do propio ADIF, para o que se está a tramitar o expediente que fixa un importe de 2.000€.

O alcalde de Santiago Agustín Hernández amosou o seu convencemento e seguridade en que a Consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vai poñer en marcha coa máxima celeridade todo o procedemento para licitar e adxudicar canto antes estas obras, " unhas obras que confío en que poidan estar en servizo antes de que remate o ano vindeiro, tendo en conta que xa está consignada a cantidade necesaria nos orzamentos da Xunta (840.000€)".

Agustín Hernández agradeceu a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o esforzo que está a facer para levar a cabo proxectos de futuro como a EDAR do Souto, a variante de Aradas ou a integración da estación de autobuses na intermodal.

E o Administrador de Infraestruturas Ferroviairias, ADIF, organismo dependente do Ministerio de Fomento, polas súas facilidades e pola decida vontade de colaboración que van facer posible este novo equipamento público que vai mellorar a calidade ambiental, contribuíndo á humanización e á conquista do núcleo urbano para o uso e goce da cidadanía.

Liña de colaboración
Este convenio enmárcase dentro da liña de cooperación e de colaboración institucional que o Concello vén mantendo coas Administracións Públicas e que no pasado permitiu á cidade ampliar os seus equipamentos e infraestructuras.

No presente, esa colaboración está a propiciar o desenvolvemento de novos proxectos de gran transcendencia como a humanización da rúa Carreira do Conde, a mellora da EDAR da Silvouta –na que tamén participa o Estado-, ou o inicio dos trámites para a construción de vivenda pública en Lamas de Abade.

Para o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, "este convenio nace da común vontade da Consellería e do Concello na procura de alternativas de mobilidade eficiente, que no caso de Santiago de Compostela están en relación co desenvolvemento dun proxecto de cidade no que se trata de recuperar o núcleo urbano –e de forma especial a zona do Ensanche- para o tránsito peonil, cunha mellora da estética e da funcionalidade das rúas, sen que iso supoña reducir o atractivo e a eficacia para a actividade comercial".

Con ese fin, o goberno muncipal, xunto coa humanización e mellora de rúas como a Carreira do Conde, a de Montero Ríos ou a Avda. de Vilagarcía no contorno da Praza de Vigo, vai artellar medidas que faciliten a comodidade no acceso, tanto para os cidadáns como para os comerciantes.

Entre estas medidas, Agustín Hernández explicou que algunhas delas van incorporadas xa aos propios proxectos, como as opcións de utilización das zonas de carga e descarga contempladas nos deseños, pero que outras virán pola habilitación e adaptación de bolsas de aparcamento nos bordes máis inmediatos do centro urbano –como neste caso-, ou ben das posibilidades de negociar condicións vantaxosas para a utilización dos aparcamentos soterrados existentes no propio ámbito urbano, "tarefa que imos promover desde o Concello nos vindeiros meses".

Documentos relacionados



Compartir: