ALCALDIA

Agustín Hernández describe os retos para afrontar o futuro de Compostela na conferencia de clausura dos actos do 125 aniversario da Cámara de Comercio

16/12/2014 O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, pechou hoxe os actos do 125 aniversario da Cámara de Comercio cunha conferencia na que repasou o pasado da cidade e describiu os retos para afrontar o futuro.

Optimista cara ao futuro de Compostela, Agustín Hernández considera que será preciso afrontar de inmediato o despege da acusada dependencia do sector servizos e camiñar cara ao fortalecemento da actividade empresarial, tanto no relativo ao nivel de produción como á oferta de traballo.

E para eso denominou a actividade empresarial como o outro camiño de Santiago que ofrecerá unha alternativa e un complemento á actividade do sector servizos, configurado arredor do turismo e, en particular da catedral e do Camiño de Santiago.

"Pero sin esquecelo", indicou , porque "se verán fortalecidos nos vindeiros anos, logo do compromiso asumido polo presidente do Goberno de España de destinar 17 millóns de euros, que van permitir afrontar unha completa e necesaria restauración da Catedral con vistas ao vindeiro ano xacobeo que se celebrará dentro de 6 anos, no ano 2021, e da propia Xunta de Galicia que acaba de comprometer a semana pasada máis de 1,5 millóns de euros para levar a cabo un novo Centro Internacional de acollida de peregrinos no lugar do vello Asilo da rúa Carretas, unha actuación que non só potenciará o fenómeno xacobeo, senón que suporá tamén unha mellora urbanística."

Para o alcalde, á marxe do valor espiritual e monumental da cidade, Santiago ten enormes posibilidades para potenciar unha actividade económica vinculada ao desenvolvemento empresarial, de forma moi especial incidindo naqueles segmentos innovadores e de demanda elevada nos que se ten comezado a dar pasos importantes nos últimos anos.

"Estoume a referir á especialización que representan empresas como Finsa, no sector da madeira e da enerxía, ou Televés, na fabricación de material electrónico, que teñen un elevado peso na produción e na creación de valor engadido no total municipal, así como as relacionadas co sector da automoción, como Castrosúa ou Uro, e as relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC)", indicou porque "este sector das TIC, que ten concentrado no concello ou na súa área unha terceira parte das súas máis importantes compañías de Galicia, ademais de ser un sector como moito futuro, no presente xa supón unha importante contribución para o emprego e o valor engadido do concello"

Agustín Hernández manifestou que "a evolución e o dinamismo deste sector, que se beneficia e que se pode beneficiar no futuro da importante actividade no eido científico e investigador da Universidade compostelá, ofrece unha alternativa económica de gran transcendencia, que se pode ver ampliada coas posibilidades de abrir mercados e estender a súa actividade cara ao exterior".

Para o alcalde de Santiago debe ser unha tarefa primordial o apoio ao conxunto da actividade empresarial para tratar de afianzar as preto de 9.500 empresas existentes no concello, evitar baixas no tecido industrial e fomentar, mediante facilidades e incentivos, o emprendemento e a instalación de novas actividades aproveitando as grandes posibilidades que para iso ofrecen as superficies empresariais desenvolvidas nos últimos anos.

Fortalezas e oportunidades

Na súa intervención na Cámara de Comercio tivo tamén unha mención para as fortalezas e oportunidades necesarias para avanzar, citando no primeiro dos casos unha renda familiar que se sitúa entre as máis elevadas de Galicia; unha evolución positiva do mercado de traballo, mesmo nun contexto desfavorable; a súa centralidade dentro dunha ampla área urbana que se estende desde o litoral ata as comarcas da Galicia central e a especialización do sector servizos en sectores dinámicos con grandes posibilidades de xeración de valor engadido.

E entre as oportunidades para o asentamento e crecemento citou: unha localización central no territorio da Comunidade Autónoma que lle facilita o acceso aos mercados das principais cidades e vilas a través de modernas e rápidas infraestruturas de comunicación; unha gran capacitación e especialización de man de obra local, formada por moitos titulados universitarios; unhas grandes posibilidades para o desenvolveemnto de procesos e mellorar produtivas ligadas á actividade científica e investigadora da Universidade de Santiago e unhas das máis amplas ofertas de solo empresarial e comercial, preparada para albergar calquera tipo de iniciativa, e con posibilidades de xerar sinerxias dentro da variado carácter das actividades xa radicadas.

"Partindo da premisa de que Santiago ten acadado un nivel de infraestruturas moi superior ao da maioría das cidades do seu tamaño en Galicia e en España, as actuacións municipais de cara ao inmediato futuro deben orientarse a conseguir completar as poucas carencias que aínda se detectan en materia de infraestruturas e obra públicas", dixo Agustín Hernández, pero "tamén a promover e dinamizar o tecido produtivo e con el o mercado laboral; asegurar a prestación duns servizos eficientes e, en definitiva, completar a cidade á que queremos chegar:

Con ese fin indicou que dende o goberno municipal se está a abordar varias iniciativas que se sitúan nesa dirección de modernizar a administración local, optimizar o uso do patrimonio público infrautilizado, reunindo servizos púnlicos, evitando alugueres innecesarios e, en defintiva, fadendo máis eficiente e próxima a administración municipal, porque o "obxectivo fundamental é avanzar cara a un perfeccionamento da cidade, afrontando cuestións pendentes desde hai moitos anos, mesmo aquelas nas que aínda que o Concello non sexa responsable directo, si que pode contribuír a darlle unha saída".

Entre estas cuestións Hernández citou o desbloqueo de parcelas públicas improdutivas, como fixemos esta pasada semana cos terreos de Xoán XIII, propoñendo a permuta para construír 36 novas vivendas de promoción pública sen custo para o Concello; o derrubo da Casa da Xuventude da praza do Matadoiro e a apertura do parque de Belvís ao núcleo histórico; a recuperación do vello edificio de Fenosa e a reordenación urbana do contorno do vello Hospital de Galeras, "na que estamos a manter unha actitude proactiva e de plena colaboración coa Universidade, ao igual que co peche do ordenamento do Campus Vida no contorno do Hospital Clínico"., dixo.

Tamé nombrou a construción dunhas novas instalacións para o servizo de bombeiros, que lle permitan unha maior operatividade e eficacia na prestación dun servizo público esencial.

Folla de ruta

No tramo final da conferencia o alcalde de Santiago, Agustín Hernández falou da folla de ruta "no camiño cara a esa cidade de futuro" que contribuirían, no curto prazo, a completar a traza urbana, e citou o solo empresarial, as conexións viarias, aeroportuarias e ferroviarias, a intermodalidade, e a situación do saneamento como elementos nos que é preciso incidir.

Canto a oferta de solo empresarial o alcalde precisou que "a través da Administración local, pero sobre todo coa colaboración activa das administracións do Estado e da Xunta de Galicia, Compostela foi ampliando nos últimos anos a súa oferta de solo empresarial e desenvolvendo un conxunto de infraestruturas complementarias para mellorar a conexión, a loxística e a mobilidade deses novos espazos destinados ao asentamento empresarial"

"O concello conta na actualidade con algo máis de 3,2 millóns de metros cadrados de solo empresarial. Dese total, 1,2 millóns de metros cadrados correspóndelle ao parque empresarial do Tambre, iniciado no ano 1975 e que inclúe un incremento realizado pola SEPES recentemente na zona de Boisaca que ampliou a súa superficie cara á cidade. Na actualidade o Tambre alberga arredor de 400 empresas e apenas conta con parcelas dispoñibles", dixo.

Tamén lembrou como no ano 2004 rematouse o parque empresarial da Costa Vella, promovido polo Concello, cunha superficie de 400.000 m2 (264.853 útiles) e 131 parcelas, orientado principalmente á actividade comercial, servizos empresariais e oficinas, e que conta coa maior parte da súa superficie ocupada na actualidade.

E que a última incorporación, en novembro de 2012, foi a bolsa de solo empresarial da Sionlla, levada a cabo pola Xunta de Galicia, onde se dispoñen 1,4 millóns de m2 (755.883 m2. Útiles) en 138 parcelas.

Con respecto a esta última indicou que "malia coincidir o remate desta superficie da Sionlla cos momentos máis álxidos da recesión económica, chegouse a vender ou comprometer o 40% da superficie útil e nos últimos meses estamos asistindo a unha lenta pero esperanzadora implantación de novas actividades neste ámbito, que acolle un gran supermercado e pronto abrirán as súas portas unha gran superficie dedicada ao bricolaxe e unha nave de restauración que obtiveron xa as respectivas licenzas municipais para iniciar as obras."

Este parque empresarial da Sionlla, considerada a maior superficie empresarial desenvolvida pola Xunta de Galicia nos últimos 30 anos, ten capacidade para albergar unhas 200 empresas e xerar uns 8.000 postos de traballo, e para a súa execución destináronse máis de 74 millóns de euros e está chamada a ser o gran referente do despegue empresarial de Santiago en canto melloren as condicións económicas, manifestou o alcalde.

O apoio e o fortalcemento do comercio

En paralelo coa promoción do seu tecido empresarial, Santiago debe consolidar a súa posición de referente no sector comercial, non só na súa área natural do centro da Comunidade, senón no conxunto de Galicia, dixo Agustín Hernández, para quen é preciso continuar co proceso de captación de recursos, tanto públicos como privados, para mellorar tamén neste ámbito a diversidade e a calidade da oferta.

E para elo "será preciso actualizar as estatísticas de ocupación dos preto de 4.000 locais comerciais e hostaleiros que se teñen contabilizado en Compostela e axustar as porcentaxes das actividades para adaptar as medidas a curto prazo ás necesidades reais do sector".

"A pesar do crecemento na implantación de grandes superficies comerciais, que presentan unha oportunidade para a incrementar a atracción dos concellos e áreas limítrofes e onde teñen unha importante participación pequenas empresas locais, Compostela ten aínda unha importante superficie comercial minorista que se mantén -e que sen dúbida está chamada a mellorar- grazas a unha gran capacidade de autoorganización", dixo.

Para o alcalde, asociacións como o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a área Comercial Santiago Centro e a Agrupación de Comerciantes de Santiago deben constituír, como a propia Cámara de Comercio, obxectivos de apoio básico por parte de Concello á hora de abordar novas actuacións ou liñas de apoio ao comercio local. Un aspecto de gran importancia, non só pola súa repercusión económica, senón pola propia influencia que un tecido comercial forte e diversificado adquire para fixar poboación e dinamizar o centro urbano e de forma moi especial o núcleo histórico.

As infraestruturas viarias

No campo das infraestruturas viarias, o alcalde de Santiago dixo que pecharase un sistema que, no fundamental, se artellará arredor do tramo libre de peaxe da autoestrada do Atlántico.

"A ampliación da AP-9 en tres carrís en dirección Pontevedra e catro carrís en dirección A Coruña, coa incorporación de 3 kms gratuítos máis, non só vai facilitar o tránsito entre os accesos norte e sur da cidade, senón que vai mellorar o acceso cara ao novo enlace a distinto nivel que Fomento vai construír coa Autovía a Lavacolla e coa área empresarial da Sionlla. Serán, precisamente, os centros de actividade empresarial os máis beneficiados deste impulso, xa que ademais deste novo enlace co chamado "orbital" sobre a AP-9 para a mellora da Sionlla, tamén o polígono do Tambre se verá favorecido co inicio no vindeiro ano da ampliación a catro carrís da ponte de acceso sobre a estrada N-550 e coa licitación e posterior execución da variante de Aradas cara a Santa Comba e Carballo, tal e como apuntei cando me referín ao solo empresarial.", sostivo.

As melloras viarias completaranse co paso subterráneo de Conxo do periférico que se van iniciar nos primeiros días de xaneiro e co enlace desde a AP-9 á Cidade da Cultura.

Infraestruturas hidráulicas

No terreo das infraestruturas hidráulicas, Agustín Hernández subliñou que dúas obras van supoñer un radical cambio na calidade ambiental do concello: ampliación da actual EDAR da Silvouta, que no período de un ano vai mellorar o tratamento das augas residuais que desde hai anos van parar ao río Sar; e a nova EDAR do Souto que avanza na súa tramitación por parte do Ministerio de Medio Ambiente para proceder á súa licitación. Para ambas obras están consignados xa nos orzamentos do Estado do ano que vén algo máis de 59 M€.

"Xunto a esta dúas instalacións, ao longo do ano próximo vanse iniciar as obras finais do saneamento do río Sar, desde a Ponte de San Lázaro ata a Silvouta, nas que se investiron arredor de 38 millóns nas últimas décadas para construír máis de 18 kms. de colectores. Un convenio que subscribimos esta semana pasada coa Confederación do Miño-Sil vai propiciar a cesión desta gran instalación ao Concello para a súa xestión e mantemento", engadiu, para deixar claro que con esta gran infraestrutura a pleno funcionamento e co remate da EDAR do Souto, Santiago terá un completo sistema de saneamento que equiparará o tratamento e a calidade ambiental das súas augas ás das cidades europeas máis desenvolvidas nesta materia.

Infraestruturas aeroportuarias

No ámbito das infraestruturas aeroportuarias, acadada unha modernización das instalacións, mesmo por riba das expectativas e das perspectivas de crecemento a medio prazo, o Concello seguirá a incidir no aspecto sobre o que ten capacidade de intervención: na promoción exterior da cidade.

O labor municipal está a dar os seus froitos e ata outunro deste ano 2014 Lavacolla está a ter a maior conectividade internacional da súa historia, con 13 conexións directas, movendo un total de 403.585 pasaxeiros, un 15,1% máis que todos os do ano anterior, que ascenderon a 350.579 e foi considerado récord histórico.

O alcalde indicou que "as estatísticas veñen a confirmar unha moi boa evolución dos tráficos aeroportuarios en Lavacolla, cun incremento de pasaxeiros un 50% na última década (dos 1,3 millóns de 2002 aos máis de 2 millóns do pasado ano 2013) e, sobre todo, cun despegue moi significativo nos pasaxeiros de carácter internacional que aumentaron un 168% (130.638 en 2003 e 350.579 en 2013), porcentaxe que podría superar este ano o 250% ao levarse contabilizado a falta dun mes 423.145 pasaxeiros internacionais, a maior cifra na historia do aeroporto compostelán e que polo tanto imos continuar nesa liña que está a dar positivos resultados que redundan en beneficio de diversos sectores e, en definitiva, do conxunto da cidade.

Infraestruturas ferroviarias e intermodalidade

No que respecta ás infraestruturas ferroviarias, o alcalde precisou que "no vindeiro ano contaremos coa nova de alta velocidade do Eixo Atlántico totalmente rematada, o que acurtará os tempos de viaxe coas principais cidades asentadas no litoral, fortalecendo o papel de Santiago como nexo da alta velocidade, ao completar a liña operativa cara a Ourense e o centro da península". E que mención especial merece a cuestión da intermodalidade. Tendo en conta a situación actual e a perspectiva para o vindeiro ano Santiago vai gozar dunha boa posición para a interacción dos diferentes modos de transporte.

"A mellora e ampliación dos accesos viarios con claras repercusións na conexión co aeroporto, xunto transporte por estrada que enlaza as tres terminais (a do ferrocarril, a de autobuses e o aeroporto) con frecuencias de 30 minutos, confírenlle xa a Santiago un servizo intermodal que non posúen outras cidades galegas. Pero é evidente que para mellorar esa intermodalidade faise preciso contar cunha nova estación que lle dea unha completa resposta ás demandas de mobilidade e amplíe a capacidade das actuais instalacións", indicou o alcalde, "unha estación intermodal que sexa operativa e funcional, concibida desde un proxecto realista e factible, que sexa quen de asumir a demanda actual e futura. Un proxecto que poida nacer canto antes e que poida medrar conforme ás necesidades".

E para eso estamos a pechar con Fomento unha planificación concreta e realista para que a estación estea adaptada á chegada do AVE en 2018., dixo o alcalde que supere a fase de maqueta, e a falar de investimentos concretos, mais de 8,2 millóns de euros recollidos no orzamento do Estado do vindeiro ano para facer realidade unha verdadeira estación intermodal.

A conexión ferroviaria coa Sionlla

De cara ao futuro, será preciso afrontar outra actuación que vai ser nececesaria pero que, por cuestión de prioridade, debe esperar a súa oportunidade.

Refírome á estación de mercadorías da Sionlla, prevista no proxecto inicial desa superficie, que comezará a ser necesaria na medida en que o nivel de actividade empresarial nese ámbito faga aconsellable a súa construción.

Neste momento entendemos que existen outros proxectos viarios que permiten atender as necesidades actuais de comunicación nesa área sen ter que adiantar esa actuación.

Tal é o caso do enlace orbital que aparece xa consignado nos orzamentos do Estado (14,5 M€) para conectar a AP-9 coa A-54, que se vai construír precisamente nas inmediacións do parque empresarial da Sionlla.

As infraestruturas no centro da cidade

O alcalde non quixo rematar a súa intervención sen facer unha mención á estratexia do Goberno municipal no tocante á mobilidade no interior da cidade, que se traduce nunha política de impulso do uso peonil no centro da cidade e de fomentar o uso do transporte colectivo, cuxas liñas van ser revisadas para axustalas ás verdadeiras necesidades de mobilidade da poboación.

Para eso dixo que a este mesmo fin van dirixidas, de forma complementaria, varias das medidas postas en marcha nos últimos tempos como a remodelación da rúa de San Pedro, na zona de Basquiños, a actuación na Avenida Quiroga Palacios (uns 650.000€), a conveniada coa Xunta de Galicia para a remodelación da Carreira do Conde (por un importe estimado tamén no contorno dos 650.000€) ou a inmediata humanización da rúa Monteros Ríos, á que se destinan 1,6 millóns de euros.

Todas esas actuacións precisan do aditamento de medidas complementarias que faciliten o acceso e o tránsito das persoas que imos poñer en marcha, como a habilitación de zonas de aparcamento.

Con este fin, estase a ultimar unha nova área de aparcamentos disuasorios en Pontepedriña, cuestión na que está a traballar o Concello coa máxima dilixencia posible, tanto no relativo á tramitación urbanística como no referente á precisa cesión dos terreos baixo o viaduto ferroviario por parte do ADIF.

O proxecto, que será asumido pola Xunta de Galicia cun orzamento superior aos 700.000 euros, contempla a creación de 200 prazas de aparcamento, das que a maioría (182) serán para vehículos lixeiros e o resto para motocicletas.

Esta bolsa de solo vense a sumar ás de Santa Marta, San Lázaro e Salgueiriños, áreas nas que está previsto ir actuando para facelas máis operativas no futuro, e de forma coordinada, para conseguir espazos atractivos e funcionais que faciliten deixar os vehículos, proporcionen comodidade e, en último termo, disuadan aos condutores de entrar cos seus vehículos no centro da trama urbana da cidade.



Compartir: