EDUCACIÓN

O CEIP Raíña Fabiola representará a Santiago no programa "Aula de Patrimonio"

04/12/2014 Unha comisión de valoración presidida pola concelleira de Educación, María Corral, acordou que será o traballo presentado polo CEIP Raíña Fabiola o que represente ao Concello de Santiago na segunda edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, promovido polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O guión, titulado "Redescubre Compostela", foi realizado por alumnado de 6º de primaria e coordinado polo profesor Xosé Anxo Aldrey.

A comisión destacou desta proposta a "orixinalidade no emprego das TIC para o coñecemento e a utilización didáctica do patrimonio". Ademais, valorou o "tratamento na diversidade de centros de interese relacionados coa gastronomía, as artes plásticas as pegadas do patrimonio na estrutura urbana da cidade, a cartografía ilustrada dos barrios da cidade e o traballo interxeracional dos contidos", así como "a concreción dos obxectivos e das actividades que se realizarán", constituíndo "unha útil ferramenta de dinamización educativa e cultural da cidade".

Ademais do CEIP Raíña Fabiola, tamén presentaran traballos o CEIP Pío XII e o Colexio Manuel Peleteiro. O grupo seleccionado visitará a cidade de intercambio de Santiago, neste caso Salamanca, en marzo de 2015.

O obxectivo do programa Aula de Patrimonio é que os mozos que viven e estudan nas Cidades Patrimonio aprendan a coñecer e valorar non só a súa propia cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO, todo iso a través da realización de actividades didácticas en torno á súa cidade, dirixidas polo seu profesorado, e a participación en viaxes culturais a outras Cidades Patrimonio.

As 15 cidades membros do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda), a través dos seus concellos, cómpren unha función promotora deste programa, ofrecendo aos grupos participantes actividades educativas baseadas nos seus propios recursos, que permitirán fomentar entre os escolares unha actitude de cidadanía activa, promovendo o coñecemento e goce do patrimonio excepcional da cidade na que viven.

Os grupos seleccionados para participar neste certame son ao mesmo tempo Grupo Anfitrión, encargado de acoller e ensinar a súa cidade a outro grupo de escolares procedente doutra Cidade Patrimonio distinta da súa, e Grupo Visitante, que viaxa a outra cidade das 15 que forman o Grupo. Preténdese que a clase elixida como anfitrioa realice un labor de guía turístico e cultural do alumnado visitante, logo de traballo de recompilación de documentación e investigación, relacionando este labor divulgativo con outros temas transversais educativos cono son a convivencia, a erradicación da violencia, o perigo do consumo de drogas e alcohol, o fomento da lectura, a creatividade, etc.

Aula de Patrimonio é unha actividade organizada pola Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, dentro da súa Área de Educación. Esta comisión está presidida pola alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, e formada polos concelleiros de Educación e Cultura das 15 cidades que forman a rede.

Compartir: