DÍA INTERNACIONAL PARA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Declaración institucional da Corporación de Santiago de Compostela contra a violencia de xénero

28/11/2014 A Corporación de Santiago de Compostela aprobou a seguinte declaración:

O 25 de novembro foi declarado pola ONU Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ao constatarse que cáseque o 70% das mulleres do mundo teñen sufrido violencia nalgún momento das súas vidas polo feito de seren consideradas desiguais, menos importantes, caos homes.

A pesares dos innegables avances que se teñen dado a nivel internacional, estatal e autonómico na loita contra este gravísimo problema social, manifestación máis cruel da desigualdade e discriminación sufrida tantas veces polas mulleres, as 44 mulleres que teñen morto en España, ás que se une o último caso do que temos tido noticia nestes días da nai e a filla desaparecidas hai meses que foron atopadas o pasado día 25, precisamente, así como os 32 nenos e nenas que teñen quedado orfos a causa da violencia de xénero, son a tráxica evidencia de que os esforzos desenvolvidos non son suficientes e que, a pesares de contar en España con lexislación avanzada para tratar con eficacia este problema, temos que continuar traballando sen descanso.

Este ano cómprense dez da aprobación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero. Esta lei e as que viñeron despois en moitas comunidades autónomas, como a nosa, transformaron completamente a resposta legal e policial a este fenómeno por parte dos poderes públicos, ante a demanda de tantas organizacións, mulleres e persoas por atallar contundentemente un problema tan serio e tamén tan complexo.

Queremos desde o Concello de Santiago manifestar, en primeiro lugar, o noso afecto e solidariedade coas familias das mulleres falecidas, seis delas en Galicia, e moi especialmente aos seus fillos e fillas, e manifestar públicamente o noso cariño e admiración por tantas outras que se atreven a rachar a espiral de silencio que habitualmente cobre o fenómeno da violencia de xénero, informando do seu problema, denunciando ao seu maltratador e solicitando o apoio das diferentes administración públicas para conseguir unha vida nova, libre de violencia, á que teñen dereito.

Elas convírtense ademáis nun exemplo impagable para outras mulleres que precisan de respaldo á hora de tomar a difícil decisión de rachar co maltratador ou de denuncialo. As mulleres falecidas lémbrannos que o noso traballo desde as distintas administracións non é suficiente e que temos que apelar ao respaldo da sociedade no seu conxunto para continuar nesta tarefa, obxectivo ao que desde o Concello, no noso propio cometido, nos unimos.

Por iso, cremos que nas proximidades desde día 25, o obxectivo fundamental desde calquera administración pública na que interveñen varios grupos políticos, por enriba das lexítimas discrepancias que poden e deben existir na maneira máis axeitada para atallar este gravísimo problema da nosa sociedade, debemos lanzar unha mensaxe de solidariedade coas vítimas e coas súas familias e de compromiso conxunto de traballo, de cara á total e completa eliminación da violencia contra as mulleres, a través da consecución da igualdade real entre mulleres e homes.

Compartir: