PLENO

O Pleno municipal aproba inicialmente o orzamento de maior gasto social e investimento produtivo da lexislatura

28/11/2014 O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do mes de novembro, aprobou inicialmente o orzamento municipal para 2015, que ascende a 102,6 millóns de euros. Son unhas contas expansivas que presentan o maior nivel de gasto social e investimento produtivo da lexislatura.

O concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, foi o encargado de explicar un orzamento que cualificou como "social, inversor e dinamizador", e que saíu adiante inicialmente cos votos favorables do grupo do Goberno e malia o pronunciamento negativo dos grupos socialista e nacionalista. As contas de gastos para 2015 sitúanse en 102,6 millóns de euros, case un 2% mais que en 2014, unha diferenza que se eleva ao 8% descontando os gastos non produtivos, isto é, o destinados a operacións financeiras, como é o financiamento da débeda.
O de 2015 será o orzamento con maior nivel de gasto de toda a lexislatura. Así, en 2011 o orzamento fora de 95 millóns de euros; de 89,8 millóns en 2012; de 93,2 millóns en 2013 e de 100,9 millóns este ano 2014. En particular, salienta o incremento dun 18% do gasto social, que pasa dos 7,5 millóns deste ano aos 9 millóns de euros, o que supón tamén o maior orzamento da lexislatura nesta materia.

Renda de Solidariedade
Así, créase a Renda de Solidariedade de Santiago para familias con persoas en paro ou con pensión non contributiva, á que se destinará unha partida global de 600.000 euros. Deste xeito, sumadas as prestacións de emerxencia social, a cantidade destinada a axudas directas ás persoas con máis dificultades superará o millón de euros.

Tamén neste eido social, auméntanse un 12% as partidas para prevención e integración e as bolsas de comedor. Igualmente, increméntanse un 14% as subvencións nominativas destinadas ás asociacións que se dedican á asistencia social.

As partidas destinadas a mantemento e mellora de colexios, garderías e instalacións deportivas medran un 30%, e o Concello destinará 1,1 millóns de euros a programas e políticas activas de emprego, especialmente en materia formativa.

Tamén medra o orzamento destinado a seguridade e mobilidade, que pasa dos 7 aos 11 millóns de euros, un 54% máis. Este esforzo permitirá, entre outras cuestións, a conxelación do prezo do billete de autobús, así como a renovación e modernización da flota coa adquisición de 11 autobuses urbanos. Tamén se contemplan partidas para continuar coa renovación da flota dos Bombeiros, Policía Local e Protección Civil.

Actuacións estratéxicas e turismo
Os investimentos produtivos medran un 20%, pasando de 9,9 millóns de euros en 2014 aos 11,9 millóns do vindeiro ano. Neste capítulo dos investimentos, destacan tres actuacións estratéxicas: a reforma do Auditorio de Galicia, a reforma integral das instalacións deportivas de San Lázaro e a Estación Intermodal, que suman 8 millóns de euros, con partidas concretas para 2015 que permitirán iniciar estas actuacións e as correspondentes plurianualidades que garantirán o seu remate.

Outra das prioridades deste orzamento é a aposta pola dinamización turística da cidade, cun total de 2,8 millóns de euros destinados a Incolsa-Turismo de Santiago.

Tamén se inclúen melloras no eido da función pública, como a primeira oferta pública de emprego nos últimos anos para reforzar os corpos de Bombeiros e da Policía Local.

Todos estes incrementos de partidas estratéxicas enmárcanse nunhas contas que, non obstante, continuarán a senda da estabilidade orzamentaria e do déficit cero. Ademais, permitirán seguir reducindo a débeda financeira por habitante, que en xaneiro de 2011 estaba en 676 euros e que en 2015 se situará nos 432 euros, un 40% menos que ao comezo da lexislatura.

Logo do período de exposición pública, estes orzamentos volverán ao Pleno para a resolución de alegacións e aprobación definitiva, entrando así en vigor en xaneiro.

Renuncia
Ao inicio do Pleno, formalizouse a renuncia ao cargo de concelleiro do grupo municipal do Partido Popular de Ángel Benito Currás Fernández. Acto seguido, a Corporación tomou en coñecemento a proposta do grupo do Goberno para ocupar o cargo de concelleiro vacante por parte de Maite Cancelo.

Compartir: