CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra este sábado un concerto dirixido ás familias

28/11/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra este sábado, ás 18:00 horas, no Auditorio de Galicia, un concerto dirixido ao público familiar. A batuta levaraa o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O programa vai dende o Barroco ata os nosos días coa danza como fío condutor. A danza inspirou obras instrumentais e orquestrais aos máis grandes compositores, dende o mestre Bach, pasando polo francés Ravel e chegando a autores do pasado século tan singulares como o andaluz Falla ou o ruso Stravinski.

A orquestra comezará a actuacións interpretando parte da Suite nº 2 e da Suite nº 3 do compositor alemán do Barroco Johann Sebastian Bach (1865-1750). No caso da Suite nº 2, os asistentes poderán escoitar a melodía coa que remata (Badinerie), tan popular que é frecuente escoitala como ton de chamada nos teléfonos móbiles ou tamén na banda sonora dalgunhas películas como O pai da noiva.

A continuación, os músicos achegarán ao público parte da obra A Tumba de Couperin, do compositor francés do século XX Maurice Ravel (1875-1937). No XVIII utilizábase o termo "tumba" para facer unha homenaxe musical a personalidades da época. Así, Ravel quixo converter esta suite nunha homenaxe aos autores da música barroca francesa, en especial a quen da nome a toda a obra, François de Couperin.

A Real Filharmonía tocará logo parte da Suite Pulcinella, de Igor Stravinsky (1882-1971), un dos máis transcendentais do século XX e un dos grandes compositores de ballets rusos. O concerto rematará con El amor brujo, do español Manuel de Falla (1876-1946), obra da que os músicos interpretarán a Danza del terror e a Danza del fuego.

Compartir: