XUNTA DE GOBERNO

Nova iluminación pública para a rúa Carme de Abaixo e a parroquia de Bando

28/11/2014 A Xunta de Goberno autorizou o investimento necesario para a instalación de novas luminarias na rúa Carme de Abaixo e na parroquia de Bando, nos lugares de Castro e de Bando de Arriba, cun investimento conxunto de 7.704 euros. Esta previsión contémplase no contrato de xestión e mantemento do alumeado público.

Dentro das previsións establecidas no contrato de xestión e mantemento do alumado público, acordouse autorizar o investimento necesario para a instalación de novas luminarias na rúa Carme de Abaixo e na parroquia de Bando, nos lugares de Castro e de Bando de Arriba, cun investimento conxunto de 7.704 euros.

Tal como explicou o alcalde, Agustín Hernández, tras a Xunta de Goberno, na parroquia de Bando colocarase unha luminaria no lugar de Castro, co correspondente poste de formigón de oito metros, brazo de aceiro, 40 metros lineais de condutor de aluminio e demais elementos necesarios para o seu funcionamento.

No lugar de Bando de Arriba serán 9 luminarias novas, que precisarán de 200 metros lineais de cable condutor.

Finalmente, na rúa Carme de Abaixo instalarase unha nova rede pública dende o parque de Galeras, no itinerario que discorre desde a rúa Entregaleras, na marxe do río Sarela próxima ao CEIP Raíña Fabiola.

Neste caso, a iluminación dispoñerá dunha montaxe subterránea, con sete luminarias semellantes ás existentes no parque de Galeras, en cor verde, con columnas de madeira tratada para exterior, de catro metros, con base de aceiro galvanizado e lacado en color negra.

A obra inclúe as necesarias gabias, arquetas, tubos de protección e bases de formigón, nunha lonxitude aproximada de 150 metros.

Ampliación do horario hostaleiro durante o Nadal
Noutra orde de cousas, informouse favorablemente á ampliación do horario de peche formulada pola Asociación Hostalería Compostela para determinadas datas de Nadal.

A proposta inclúe os días 5 e 6 de decembro (ponte da Constitución); 11, 12, 13, 18, 19 e 20 de decembro (datas de concentración das ceas de Nadal); 24, 25, 26 e 27 de decembro (fin de semana de Nadal); 30 e 31 de decembro (fin de ano) e do 1 ao 6 de xaneiro (semana de Reis).

Nestas datas proponse a ampliación dunha hora do horario de peche, que actualmente está establecido con carácter xeral nas 5:30 horas para discotecas, 4:00 para pubs e 2:30 horas para os café-bar, coa ampliación de media hora nas noites de xoves a domingo, os festivos e as súas vésperas.

Malia que o Concello informa favorablemente, a solicitude debe ser resolta finalmente pola Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ante cuxa Xefatura Territorial foi presentada.

Compartir: