ALCALDÍA

Agustín Hernández visitou os mozos e mozas que se forman como auxiliares de cuadra equina no marco dun programa da UMAD

26/11/2014 O Concello de Santiago, a través da Concellería de Servizos Sociais, puxo en marcha unha actuación formativa selectiva denominada "Curso de iniciación - Nivel I de Auxiliar de Cuadra Equina", encadrada nos programas de hábitos de promoción de vida saudable e prevención do consumo de drogas para mozos e mozas que teñen dificultade para acceder ao mercado laboral. Esta actividade está pensada para que dediquen o seu tempo libre a formarse.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, visitaron esta tarde os mozos e mozas participantes e coñeceron de primeira man o día a día da acción formativa, que conta cun orzamento total de 9.500 euros procedentes das arcas municipais. Trátase dunha aposta segura, pois xa se fixeron outras intervencións similares con cans con moi bo resultado.

O que se pretende con esta iniciativa é dotar de formación específica e con futuro laboral aos rapaces nunha actividade demandada hoxe en día e da que é difícil ter profesionais formados. Así, dentro do sector gandeiro, existe unha importante demanda en profesións como mozos de cuadra, transportistas de animais, auxiliares en clínicas veterinarias, etc.

O Curso de iniciación - Nivel I de Auxiliar de Cuadra Equina ten unha duración de 50 horas lectivas teórico-prácticas e desenvólvese dentro dos programas de formación no sector equino impartidos no Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, propiedade da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, sede da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, raza autóctona equina en perigo de extinción.

Un mozo de cuadra equina non é un peón de limpeza nun cortello. Un mozo de cuadra é a persoa que pulsa o estado e desenvolvemento da cuadra no día a día a través do seu traballo. Un mozo de cuadra é a clave do éxito en calquera gandería que se prece.

Ademais, o traballo con animais demostrouse coma un eficaz elemento para a promoción de valores como a ordenación xerárquica, psicomotricidade, autoestima, confianza, estabilidade emocional, relaxación física e mental, motivación, etc. sensacións que se descobren cos cabalos galegos e co coñecemento do uso terapéutico dos mesmos.

A seguridade e autoestima dos participantes, integración e compañeirismo, traballos de psicomotricidade, coordinación de movementos e emocións, atención e orde de accións na interrelación cabalo-manexador son elementos a traballar neste curso. Igualmente, trabállanse espazos de afectividade, xerarquía, equilibrio, estimulación a través dos movementos dos equinos, responsabilidade individual e grupal, análise de situacións e resolución de problemas, etc.

Compartir: