CULTURA

Supersubmarina presenta "Viento de cara" no Compostela Rock e no Cineuropa Concerto

26/11/2014 Supersubmarina volve á estrada para presentar o seu novo álbum, Viento de cara, que se editou a finais de setembro. A xira arrancou o 17 de outubro e chega a Compostela este xoves 27 de novembro, ás 21:30 horas, na Sala Capitol, dentro dos ciclos Compostela Rock e Cineuropa Concerto. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 15:30 a 22:00 horas, no teléfono 902 434 443 ou na web entradas.abanca.com. Teñen un prezo de 17 euros anticipada e 22 euros xa o mesmo día do concerto.

Esta xira inclúe importantes novidades en canto a escenografía e deseño de luces. Unha aposta de Supersubmarina por ofrecer concertos visualmente máis atractivos, e complementar así o inconfundible son da banda despois de 370 actuacións en directo en menos de seis anos. Entre outubro e maio, os de Baeza tocarán nas salas máis importantes do circuíto nacional.

O novo disco que agora presentan èm]Viento de cara, gravouse en marzo e abril nos estudos Laviña de Baeza, e foi producido polo escocés Tony Doogan, quen xa traballou con Supersubmarina en Santacruz, o seu anterior disco. Aínda que o novo repertorio se centra nas cancións de Viento de cara, o grupo fará un repaso por outras dos seus dous primeiros discos, que en ocasións serán seleccionadas polos fans da banda a través das súas redes sociais.

O final da anterior xira de Supersubmarina saldouse co cartel de entradas esgotadas en todos os seus concertos, cultivando grandes críticas por parte dos seus seguidores, quen seguro están a desexar xa ver de novo en directo a Supersubmarina na súa nova etapa. Unha oportunidade inmellorable para quen non os viu en directo, e a mellor ata agora para os que xa son fans de Supersubmarina.

Compartir: