CULTURA

"Angrois no esquecemento" únese ao programa desta XXVIII edición de Cineuropa

26/11/2014 Neste último tramo, o festival Cineuropa suma dous novos pases. Un deles é un filme novo, Angrois no esquecemento, documental no que podemos escoitar a vítimas, familiares, profesionais dos servizos de emerxencias e persoas anónimas que colaboraron no rescate e que, un ano despois do descarrilamento do Alvia, intentan superar aquela traxedia. Será o venres 28, ás 22:30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea, con entrada libre.

O segundo engadido ao programa é un novo pase de A viaxe dos Chévere, que teremos o domingo 30, ás 23:45 horas, no Salón Teatro, coa presenza dos Chévere para debater sobre o filme. A entrada será con convite, que se pode recoller a partir das 15:30 horas do xoves 27 na billeteira do Teatro Principal.

Falando xa da programación da xornada deste xoves 27, o Salón Teatro estará de estrea ás 16:00 h con Xenia, de Panos H. Koutras, unha mostra do puxante cinema grego descuberta na sección Un Certain Regard de Cannes. O filme narra a viaxe de dous irmáns gregos de madre albanesa na busca dun anónimo pai que os recoñeza para deixar de ser estranxeiros no seu propio país. Xenia resulta ser unha agridoce e amena comedia sobre o amor fraternal e o ridículo das etiquetas sociais.

A continuación, no Salón Teatro, ás 18:15 h, Plemya. The Tribe, de Miroslav Slaboshpitsky, película ucraína que levou a Semana da Crítica en Cannes. A historia transcorre nun internado de xordomudos, unha microsociedade na que tamén existen normas de convivencia e de supervivencia. A pesar do aparente calmo silencio do centro, trátase dunha película incómoda, cunha violencia soterrada que provoca calafríos. Ás 22:00, no Teatro Principal, terá lugar a xa tradicional proxección dunha película sorpresa, da que se irán dando pistas ao longo do día.

Haberá tamén novos pases de Goodnight Mommy, de Severin Fiala e Veronika Franz (Salón Teatro ás 20:30 h), e Winter Sleep, de Nuri Bilge Ceylan (Salón Teatro ás 22:15 h); e os últimos pases dos filmes White God, de Kornél Mundruczo (Teatro Principal ás 16:00 h.); A pigeon sat on a branch reflecting on existence, de Roy Andersson (ás 18:00 h. no Teatro Principal); The Smell of us, de Larry Clark (20:00 h no Teatro Principal), e Cold in July, de Jim Mickle (Teatro Principal ás 23:45 h).

O CGAC ten programado para ás 21:20 h, o premiadísimo documental Le Chagrin et la Pitiè (A tristeza e a piedade), de Marcel Ophüls, filme que indaga sobre o colaboracionismo francés coas tropas nazis durante a Segunda Guerra Mundial.

O Centro Cultural Afundación, volve dedicar a súa programación aos últimos filmes de grandes directores que o tiveron todo no Novo Hollywood dos 70. Así, ás 16:30 h proxectarase The Canyons, de Paul Schrader; ás 18:15 h, Bulworth, de Warren Beatty, e ás 20:15 h, Twixt, de Francis Ford Coppola.

Compartir: