CULTURA

Varias estreas este mércores 26 en Cineuropa

25/11/2014 As estreas deste mércores darán comezo ás 16:00 h. no Teatro Principal co primeiro pase de Lawless, de John Hillcoat. A historia, unha nova proposta de cine negro, está baseada nunha novela de Matt Bondurant sobre feitos que lle aconteceron a súa familia nos tempos da "lei seca". Ten o atrativo de estar guionizada por Nick Cave, todo un home orquestra, e por contar coa presenza de actores como Shia LaBeouf ou Jessica Chastain.

No Teatro Principal, ás 18:00 h, contaremos coa presenza do director Marcos M. Merino, que virá a falarnos de Remine, o seu último filme, un valioso documental sobre a folga que no 2012 levaron a cabo 4.000 mineiros contra os recortes históricos do goberno.

Party Girl, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, foi unha das grandes sorpresas do Festival de Cannes, onde arrasou cos premios de mellor ópera prima e reparto (Un Certain Regard), e a Cámara de Ouro a novos realizadores. O relato céntrase na vida de Angélique Litzenburger (que se interpreta a si mesma), unha muller de 60 anos que aposta de forma consciente por vivir á marxe da sociedade convencional. Libre e vitalista, a cita con Party Girl é ás 19:45 h no Salón Teatro.

Winter Sleep, Palma de Ouro e Premio FIPRESCI en Cannes, proxectarase ás 20:15 h no Teatro Principal. Trátase dunha magna adaptación da obra de Chejov que Nuri Bilge Ceylan redirixe ao escuro mundo de desamor e segredos matrimoniais do mellor Bergman.

O último de Larry Clark estrearase ás 23:30 h no Teatro Principal. The Smell of us é un novo retrato dese cineasta fascinado polo nihilismo que emana parte da mocidade dos arrabaldes das grandes cidades. Unha mostra crúa, non exenta de certa poesía, da adolescencia máis complexa e autodestrutiva.

Ás 01:15 h, no Teatro Principal, celebrarase unha sesión golfa coa estrea do mellor cinema de terror psicolóxico, Goodnight mommy. O traballo, producido polo provocador Ulrich Seidl, está dirixido por Severin Fiala e Veronika Franz, guionista da triloxía Paradise: Love, Faith e Hope. Trátase dun perturbador filme sobre os mecanismos de defensa de dous nenos ante a ameaza de que a personalidade da súa nai teña sido suplantada. Violenta, física pero tamén emocionalmente.

Haberá tamén novos pases de The last days on Mars, de Ruairi Robinson (Salón Teatro ás 16:00 h), e White God, de Kornél Mundruczo (Salón Teatro ás 23:15 h); e os últimos de Güeros, de Alonso Ruizpalacios (Salón Teatro ás 17:45 h), e Blind, de Eskil Vogt (ás 21:30 h tamén no Salón Teatro).

No CGAC, ás 21:30 h, proxectarase a Autobiografía lui Nicolae Ceausescu, de Andrei Ujica, un documental clave para coñecer a megalómana figura do ditador rumano, composto de material filmado polo propio aparato propagandístico de Ceaucescu.

A programación no Centro Cultural Afundación dedicarase por completo aos "Que foi de" deses grandes directores do Hollywood dos 70 que un día tiveron o mundo nas súas mans, pero que son marxinados na actualidade por esa mesma industria que lles deu tanto poder. Así, veremos filmes de Francis Ford Coppola (Tucker en pase matinal, ás 12:00 h), Michael Cimino (The Sunchaser ás 16:15 h), William Friedkin (Bug ás 18:30 h), e Brian De Palma (Passion ás 20:15 h).

Compartir: