CULTURA

Nils Malmros recibe o Premio Cineuropa

24/11/2014 Este martes, o festival Cineuropa entrega o último dos seus premios, dedicado nesta ocasión a Nils Malmros, o cineasta que se sentou cinco días ao noso carón a ver o seu cinema para logo falar sobre el. A cerimonia, á que seguirá un novo pase de Sorrow and Joy, terá lugar no Salón Teatro ás 20:45 h. Malmros recibirá o premio de mans da concelleira de Cultura, María Antón.

Pero antes da entrega do Premio, aínda contaremos coa presenza dese Malmros próximo que xa coñecemos, para ver e analizar a súa penúltima película, Aching hearts (ás 16:00 h no Teatro Principal), e The beauty and the beast (ás 18:30 h no Salón Teatro).

Tamén no Salón Teatro haberá un novo encontro con Virginia García del Pino, que presentará Lo que tu dices que soy e Si, Señora, dous documentais nos que afonda nas relacións que a sociedade mantén cos traballadores de profesións tacitamente desprestixiadas. Ambas películas exhibiranse nunha sesión continua que terá comezo ás 16:30 h.

Ás 23:00 h, no Teatro Principal, estrearase a húngara White God, de Kornél Mundruczo, gañadora do Un Certain Regard da pasada edición de Cannes, e Premio Eurimages do festival de Sevilla. Trátase dunha visualmente magnífica alegoría sobre as relacións de dominio que o ser humano mantén coa natureza.

Haberá hoxe tamén a posibilidade de asistir aos novos pases de Güeros, de Alonso Ruizpalacios (Teatro Principal ás 18:30 h), e A Pigeon Sat on a Branch Reflecting on Existence, de Roy Andersson (Salón Teatro ás 23:00 h); e ao último de Saint Laurent, de Bertrand Bonello (Teatro Principal ás 20:30 h).

No CGAC comeza ás 16:30 h. Neil Young, music in review, o primeiro dos docs-music dedicados nesta edición á figura xa mítica de Neil Young, un dos artistas máis inflluíntes da súa xeración. A continuación, ás 17:45 h, The Sunchaser, película que pasou sen pena nin gloria polas nosas carteleiras, realizada polo lembrado Michael Cimino, autor de clásicos coma O Cazador (1978) ou A porta do ceo (1980). O "que foi de" deses grandes dos seventies hollywoodienses continúa no Centro Cultural Afundación, coa proxección matinal (ás 12:00 h) de Ishtar, de Elaine May; e xa pola tarde, máis cine dos grandes Jonh Cassavetes (Love streams ás 16:00 h), Peter Bogdanovich (They all laughed ás 18:30 h), e Bob Fosse (Star 80 ás 20:30 h).

Compartir: