CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana varios concertos para nenos con obras que xiran en torno á danza

24/11/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana tres concertos didácticos dirixidos a nenos de 5 a 12 anos, en concreto estudantes de terceiro de infantil a sexto de primaria. O primeiro será este martes, ás 11:00 horas. Os outros dous terán lugar o mércores e o xoves, á mesma hora. Ademais, o sábado día 29, ás 18:00 horas, a orquestra ofrecerá a mesma actuación, neste caso para o público familiar. As diferentes citas serán no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, e a batuta levaraa o director asociado da RFG, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

Baixo o título En danza coa orquestra, este programa didáctico vai dende o Barroco ata os nosos días coa danza como fío condutor. A danza inspirou obras instrumentais e orquestrais aos máis grandes compositores, dende o mestre Bach, pasando polo francés Ravel e chegando a autores do pasado século tan singulares como o andaluz Falla ou o ruso Stravinski. A finalidade é achegar aos máis novos este sedutor mundo musical.

A orquestra comezará estas actuacións interpretando parte da Suite nº 2 e da Suite nº 3 do compositor alemán do Barroco Johann Sebastian Bach (1865-1750). No caso da Suite nº 2, os asistentes poderán escoitar a melodía coa que remata (Badinerie), tan popular que é frecuente escoitala como ton de chamada nos teléfonos móbiles ou tamén na banda sonora dalgunhas películas como O pai da noiva.

A continuación, os músicos achegarán ao público parte da obra A Tumba de Couperin, do compositor francés do século XX Maurice Ravel (1875-1937). No XVIII utilizábase o termo "tumba" para facer unha homenaxe musical a personalidades da época. Así, Ravel quixo converter esta suite nunha homenaxe aos autores da música barroca francesa, en especial a quen da nome a toda a obra, François de Couperin.

A Real Filharmonía tocará logo parte da Suite Pulcinella, de Igor Stravinsky (1882-1971), un dos máis transcendentais do século XX e un dos grandes compositores de ballets rusos. Os concertos rematarán con El amor brujo, do español Manuel de Falla (1876-1946), obra da que os músicos interpretarán a Danza del terror e a Danza del fuego.

Rodrigo Romaní na narración
O músico galego Rodrigo Romaní participará en todos estes concertos como narrador. Os dous primeiros, dirixidos a nenos de entre 5 e 8 anos, terán a particularidade de que as distintas pezas musicais serán narradas en forma de conto, para o que se botará man da versión de As zapatillas vermellas que deste relato de Hans Christian Andersen fixo o escritor galego Francisco Castro e que conta a historia dunha nena que ten unhas zapatillas máxicas e non pode parar de bailar. Rodrigo Romaní estará acompañado pola filla do escritor, Naia, e xuntos achegarán aos máis pequenos este relato, que servirá para ilustrar as diferentes suites musicais.

Rodrigo Romaní xa ten colaborado coa Real Filharmonía de Galicia como narrador en experiencias similares. E considera que "os concertos de música clásica son un medio fantástico para que os rapaces se acheguen a un estilo e a unha linguaxe musical coa que non adoitan estar en contacto". Nesta liña, salienta que "eu decidín iniciarme no mundo da música grazas a un concerto de clásica".

Compartir: