CULTURA

Estrea de "A pigeon sat on a branch reflecting on existence" e de "Saint Laurent" este luns 24 no festival Cineuropa

23/11/2014 Comeza xa a última semana pero as estreas continúan en Cineuropa e, na xornada do luns 24, é de salientar Saint Laurent, de Bertrand Bonello, que se proxectará ás 20:00 h no Teatro Principal, un biopic nada tradicional sobre o afamado deseñador. É un filme provocador, máis próximo ao Ludwig de Visconti que á outra película que este mesmo ano lle dedicou Jalil Lespert ao desaparecido mito da moda.

Tamén no Teatro Principal, pero ás 22:30 h, terá lugar o primeiro pase de A pigeon sat on a branch reflecting on existence, do sueco Roy Andersson. O filme, León de Ouro en Venecia, reborda humor cáustico e absurdo mediante un meticuloso exercicio de linguaxe cinematográfica, composto de prodixiosos e pictóricos planos secuencia.

No Salón Teatro ás 21:30 h, Cineuropa contará coa presenza de Virginia García del Pino, directora de Basilio Martín Patino. A décima carta, documental que ela mesma presentará. Unha clara homenaxe ao cineasta, que da continuidade a aquela Nove Cartas a Berta que Martín Patino realizou en 1965.

Seguindo coa homenaxe ao veterano Basilio Martín Patino, Cineuropa proxectará, ás 16:00 h, no Teatro Principal, o seu documental Queridísimos verdugos (1977), unha inclemente reflexión sobre o poder da man de tres verdugos e a súa maneira de entender o oficio que exercen.

Este luns haberá tamén unha nova posibilidade de asistir a outro pase de The last days on Mars, de Ruairi Robinson (ás 00:15 h no Teatro Principal); e a última para gozar (ou inquedarse) con Leviathan, de Andrei Zvyagintsev (23:15 h no Salón Teatro), e Turist, de Ruben Östlund, que comezará ás 18:00 h no Teatro Principal.

No Salón Teatro continúa a retrospectiva Nils Malmros coa presenza do propio cineasta. Ás 16:15 h proxectarase Barbara, baseada nunda novela de Jørgen-Frantz Jacobsen, e ás 19:15 h, a autobiográfica At kende sandheden (Facing the truth).

Por último, tamén é de destacar a homenaxe que o CGAC lle dedica ao gran Alain Resnais, coa proxección ás 17:00 h da comedia Smoking/No smoking (1993), e ás 22:00 h de Providence (1977), unha profunda reflexión sobre o proceso de creación.

Compartir: