XUNTA DE GOBERNO

Concello e Colexio de Avogados implantarán un servizo para promover acordos na renovación de alugueres de locais comerciais

22/11/2014 O Concello vai subscribir un convenio co Colexio de Avogados de Santiago para implantar un servizo de mediación a través desa entidades, dirixido a comerciantes e propietarios, para intentar lograr acordos na renovación dos seus contratos de aluguer. Así o acordou a Xunta de Goberno, que aprobou o texto do documento, no que se que recolle una contía de 5.000 euros para este fin.

Esta medida trata de incidir na problemática xerada pola Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 sobre os popularmente coñecidos como "alugueiros de renda antiga", anteriores a 1984 e que mantiñan o seu contrato prorrogado. Esta Lei marcaba un prazo de 20 anos, que vence o 31 de decembro deste ano 2014, para a extinción deste tipo de contratos cando eran subscritos por persoas xurídicas, aínda que para as persoas físicas existe a posibilidade de que o prazo sexa diferente.

Esta situación afecta de xeito moi especial na cidade aos negocios e comercios da zona histórica e poden ser altamente prexudiciais para o futuro desenvolvemento económico, ademais do risco dun despoboamento comercial nese ámbito.

Por este motivo, e para axudar a paliar este efectos negativos para a cidade, promóvese, a través do Colexio de Avogados a creación dunha quenda especializada en mediación, especialmente de carácter civil/ mercantil, para prestarlle servizo de asistencia na procura dun acordo de renovación de novos contratos de arrendamento.

Compartir: