CULTURA

Paulo Branco recibe o premio Cineuropa

21/11/2014 O acontecemento do día na xornada do sábado 22 é a entrega do Premio Cineuropa ao prolífico e activo produtor portugués Paulo Branco de mans da concelleira de Cultura, María Antón. Tras a cerimonia, que se celebrará no Teatro Principal ás 20:30 horas, proxectarase The Casanova Variations, unha das súas últimas producións. A película de Michael Sturminger combina ópera e teatro de vodevil, con John Malkovich interpretando ao mítico sedutor.

Pero tamén hai máis estreas, varias e ansiadas estreas. A primeira delas, Deux jours, une nuit, o último dos irmáns Dardenne, é cine comprometido e directo. Necesario. A película, protagonizada por Marion Cotillard, exhibirase no Teatro Principal ás 17:15 h. A continuación, no mesmo recinto, pero ás 19:00 h, o actor e cineasta Mathieu Amalric introduciranos en O cuarto azul, un relato de intriga baseado nunha das máis célebres novelas de Georges Simenon, e que triunfou na sección Un Certain Regard, do último Festival de Cannes. Ás 23:30 h, tamén no Principal, pasarase por segunda vez Cold in July, do estadounidense Jim Mickle.

As estreas do día continuarán no Salón Teatro, coa exhibición, ás 22:30 h da etíope Difret, un drama social que narra a situación das mozas etíopes. Trátase dunha película sinxela pero de grande honestidade galardoada á mellor película na pasada edición do festival de Sundance. Por último, ás 00:15 h, tocaralle a quenda no mesmo teatro a The last days on Mars, unha mestura de ciencia ficción e terror, ópera prima do director Ruari Robinson.

Pola tarde poderase asistir de forma gratuíta aos pases de Kundskabens træ (Tree of knowledge) e Århus by night, que se exhibirán en sesión continua, ás 17:30 h a primeira e ás 20:00 h a segunda. Ambas as dúas contarán coa presenza do seu director, o cineasta danés e Premio Cineuropa, Nils Malmros, que pasará a semana en Compostela disposto a dialogar cos espectadores.

No CGAC compartirán carteleira as seccións Panorama Audiovisual Galego, Disidencias e Cinefilias. A sesión comezará con Videocreaciones, da galega Olalla Castro (17:00 h); continuará coa proxección, ás 18:30 h, do premiado documental sobre a paramiloidosis A história de um erro; e finalizará coa exhibición da montaxe do director de True Romance (20:15 h), realizada en 1993 polo recentemente desaparecido Tony Scott.

Por último, Afundación dedicará a súa programación íntegra ao ciclo dedicado ao Novo Hollywood, comezando co pase matinal de The day of the locust (12:00 h), e continuando xa pola tarde con Melvin and Howard (16:00 h), Black Sunday (17:45) e Southern Comfort. La presa (20:15 h).

Compartir: