CULTURA

A sección Panorama Audiovisual Galego, protagonista noutra xornada de Cineuropa

20/11/2014 Este venres, Cineuropa dedica unha ampla difusión ao actual e moi recomendable Panorama Audiovisual Galego. Ás 18:15 h, acudirá ao Teatro Principal o cineasta Marcos Nine para presentar e debater sobre A viaxe de Leslie, documental que indaga na misteriosa morte do actor Leslie Howard, que perdeu a vida o 1 de xuño de 1943, ao ser abatido o avión no que viaxaba por cazas alemáns.

No CGAC tamén se mostrarán estreas e preestreas galegas da man de Martin Pawley. Ás 17:00 h, presentarase o Proxecto Nimbos, unha escolma de curtametraxes realizadas por distintos cineastas inspirados no libro Nimbos, do escritor galego Xosé María Díaz Castro. E a continuación, ás 17:45 h, proxectarase Work in progress: o lugar dos avós, de Víctor Hugo Seoane, retrato familiar do cineasta cuxa evolución puidemos seguir en anteriores edicións do festival e que está a punto de chegar á súa montaxe definitiva.

Tamén no CGAC, poderemos asistir á segunda xornada dedicada á sección Disidencias, que nos ofrece as estreas de 8 mm-ko Errepidea, de Kimino Kolektiv (16:00 h), O corral e o vento, de Miguel Hilari (20:15 h) e Ouroboros, de Carlos Rivero e Alonso Valbuena (21:15 h). A única estrea internacional da xornada será Cold in July, de Jim Mickle, un dos mellores thrillers indies deste ano, que se proxectará ás 21:45 h no Salón Teatro.

Continuando con cine internacional, é de salientar o comezo da retrospectiva dun dos Premios Cineuropa deste ano, o cineasta danés Nils Malmros, que se inagura coa proxección de Skønheden og udyret (Beauty and the beast) no Salon Teatro ás 18:15 h.

En canto ás "non-estreas", haberá novos pases de La Tratattiva, o atrevido á par que didáctico documental de Sabina Guzzanti (Teatro Principal ás 16:15 h); Blind, de Eskil Vogt (Teatro Principal ás 20:00); Leviathan, de Andrei Zvyagintsev (Teatro Principal ás 21:45); e Turist, de Ruben Östlund (ás 20:00 h no Salón Teatro), mellor película e guión no Festival de Sevilla. Será tamén a última oportunidade de asistir en Cineuropa á proxección de La Princesa de Francia, de Matías Piñeiro (Teatro Principal ás 00:15 h).

Por último, non debemos esquecer os xa clásicos rescatados para esta edición de Cineuropa: Le Pornographe, de Bertrand Bonello, que protagonizará o pase matinal do Centro Cultural Afundación ás 12:00 h; Abyss, de Peter Yates, coa que Cineuropa rende homenaxe ao prolífico Eli Wallach, falecido o pasado mes de xuño (Salón Teatro ás 16:00 h); Persoal Best, de Robert Towne (Salón Teatro ás 23:45 h); e Blue Collar (Paul Schrader), Sorcerer (William Friedkin) e Inserts (John Byrum), que se proxectarán no Centro Cultural Afundación ás 16:00, 18:00 e 20:00 horas, respectivamente.

Direcciones relacionadas



Compartir: