CONSORCIO

Os máis pequenos poderán achegarse á historia da cidade e da súa música en tres novos obradoiros no Museo das Peregrinacións e de Santiago

20/11/2014 O Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) promove esta fin de semana tres novos obradoiros didácticos para nenos de entre 6 e 12 anos. Os máis pequenos teñen así a oportunidade de achegarse á historia da cidade a través de xogos.

O sábado 22, ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro titulado "Busquemos a Xelmírez". Trátase de coñecer o valor da obra do Mestre Mateo, en particular as características e a calidade do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Os rapaces terán que buscar ao infiltrado entre a inconografía do Pórtico, neste caso ao bispo Xelmírez, un xeito lúdico e divertido de aproximarse ás representacións máis emblemáticas que se agochan nesta popular e magnífica escultura.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o taller "Acordes musicais", no que os nenos afondarán na relevancia da música dende os instrumentos representados no Pórtico da Gloria (cuxas réplicas están expostas en parte no Museo das Peregrinacións) ata a actualidade. Ademais, terán a ocasión de construír os seus propios instrumentos, cos que tratarán de reproducir os ritmos tradicionais que acompañaron a Historia de Compostela ao longo dos séculos. Para a súa fabricación empregarán materiais reciclados.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro "Sopa medieval". Comezará cunha breve visita á exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII. Logo deste percorrido pola urbe medieval, os rapaces buscarán en grupo, nunha gran sopa de letras, os nomes das sete portas da muralla que rodeaba a cidade. Esta actividade axudaraos a coñecer e consolidar datos históricos e xeográficos significativos de Compostela.

Cada taller, cunha duración de entre unha hora e media e dúas horas, ten un custo de 3 euros. Para participar en calquera deles é necesaria a inscrición previa, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Compartir: